O GDR Limia-Arnoia e a Reserva da Biosfera de Allariz, xunto coa Associaçao dos Jovens Agricultores de Portugal – AJAP – e a Associaçao Inovterra, traballarán durante os próximos catorce meses nun proxecto no que se analizará o papel da muller dentro do sector agrícola. O proxecto, que leva por título Equal Rural e que está incluído dentro do “Citizens, Equality, Rights and Values Porgramme (CERV)” da Comisión Europea.
Onte tivo lugar en Lisboa a primeira reunión de traballo coa que se puxo en marcha o proxecto e á que asistiron representantes das catro entidades que participan. Durante a xuntanza marcáronse os principais obxectivos do proxecto. “Partimos da base de que segue a existir desigualdade de condicións entre os traballadores e as traballoras do sector agrícola. Así que conseguir que as mulleres teñan unha maior participación e representación dentro do sector agrícola é un dos retos que nos marcamos”; destaca Eva González, Xerente do GDR Limia-Arnoia que foi unha das asistentes a esta primeira xuntanza de traballo.
Buscar casos de boas prácticas que axuden a mellorar a inclusión e a participación da muller dentro da representación e da toma de decisións, aumentar a conciencia social sobre os desafíos aos que se enfronta o sexo feminino dentro do sector e promover o desenvolvemento persoal, social e profesional das mulleres serán as principais bases sobre as que se traballará durante os próximos meses.