O pasado 19 de novembro tivo lugar na Ganadería Nogueiras (Pitelos, Concello de Verea) o evento “A esencia da orixe”. O obxectivo: poñer en valor e reivindicar a actividade agrogandeira e os produtos do rural. A xornada estivo organizada polo Grupo de Desenvolvemento Rural Limia-Arnoia, a Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural, a Asociación de Desenvolvemento Rural Terras de Pontevedra Norte, o Concello de Verea, a Ganadería Nogueira e a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

O exemplo da Ganadería Nogueira

Dende o GDR Limia-Arnoia estamos moi agradecidas pola acollida e a colaboración por parte de toda a familia que sostén a Ganadería Nogueira. Grazas a Marcos, actual responsable, á súa compañeira Estela e aos seus fillos Hugo e Ana. E ao seu pai Antonio, impulsor da gandaría nos anos oitenta. Eles comparten a idea de que é fundamental que todos os axentes que formamos parte do territorio (Administración pública, empresas, entidades como os grupos de desenvolvemento rural, etc.) traballemos xuntas e xuntos polo futuro das zonas rurais.

A historia da Ganadería Nogueira comezou nos anos oitenta con só oito vacas. Hoxe contan con máis de 300 vacas en extensivo cachena e rubia galega e a súa propia carnizaría (Carnicería Orballo, en Celanova) a través da que venden os seus propios produtos.

Non hai desenvolvemento rural sen produtoras e produtores locais

Os grupos de desenvolvemento rural organizadores do evento quixemos que os produtos dalgunhas das produtoras e produtores locais dos nosos territorios, estiveran presentes. É xusto mencionar a Viveiros Río Tollo, Adega Pateira, Altos de Torona, Adega Valmiñor, Adega Vimbio, Pazo de Valdomiño, Zumiño, Sidra Artesana da Estrada, Bekari Maestros Panaderos, Copena Gondomar, Panadería Verea, Panadería Balado, O Rexo, Quesos Feijoo, Queixería Riola, Queixería Anzuxao, Ecoleia, Carabuñas, Lalinense, Mexillón de Galicia, Horta Bustelo, Postoiro SCG, Horta do Rosal, Trasdeza Natur, Grelo de Galicia, Pataca de Galicia e Pataca da Limia.

Sempre defendemos a importancia do sector agrogandeiro e das produtoras e produtores locais do noso territorio. Miramos cara ao pasado e cara ao futuro apoiándonos na idea sinxela de aproveitar os nosos recursos como camiño para manter un rural vivo.

Alta cociña na aldea de Pitelos

A alta cociña que se practica de forma máis habitual nas cidades, traballa con produtos que proceden das zonas rurais. Desta volta quixemos transformar os produtos do rural, no rural. E fixémolo acompañadas e acompañados polos cociñeiros Álex Igleias (restaurante Dúas Liñas, en Arzúa) e Iván Méndez (Tabalú Food & Tech). A continuación compartimos os menús que prepararon para a sesión vermú da mañá, dirixida ás familias con nenos e nenas do Concello de Verea, e para as convidadas da tarde.

As artesáns e artesáns, presentes en “A esencia da orixe

Rir & Co Artesanía Textil, Lumecu, Álvaro M. Leiro e Las flores de Greta, entre outros, estiveron presentes cos seus produtos. Se antes diciamos que non existe desenvolvemento rural sen produtoras e produtores locais, tampouco pode habelo sen profesionais artesás e artesáns que coiden e poñan en valor o patrimonio cultural e etnográfico, que axuden a visibilizar os seus lugares grazas á creación de produtos de calidade.

A esencia da orixe tivo á arte como marco e fío condutor do evento. O Cuarteto Caramuxo convidounos a entrar na palleira acondicionada para a ocasión seguindo a súa música. Un espazo no que se podían atopar e consultar máis información das pezas de artesanía, no que puidemos asistir en directo ao traballo de Álex Iglesias e Iván Méndez; a cociña con produtos do rural feita arte.

Por último, tamén contamos co traballo de Xeitura S. Cooperativa Galega, que se encargou das actividades coas nenas e os nenos de Verea que se achegaron. Xogos que lles permitiron coñecer mellor e afianzar o vínculo co lugar no que viven.

Logos financiamentos GDR