A Reserva da Biosfera Área de Allariz vén de poñer en marcha unha campaña de captura do visón americano (Neogale vison) co fin de reducir a presenza desta especie no espazo protexido. Esta é unha campaña financiada cos fondos europeos Next Generation.
Despois dunha primeira fase que consistiu na valoración da presenza da especie na área protexida en base a detección de excrementos e outros indicios, a campaña céntrase agora na captura de exemplares. Para iso instaláronse varias plataformas de trampas flotantes que, segundo os expertos, é o método máis efectivo para a detección e captura do visón americano. As trampas están formadas por tres partes: a base, o tunel e o “marcadeiro” no que se detecta a presenza deste animal mediante as súas pegadas. Ao mesmo tempo, cada unha das estacións de trampeo está monitorizada cunha cámara de fototrampeo.
Segundo sinalan os expertos, esta é unha das mellores épocas do ano para o trampeo xa que coincide coa dispersión de xuvenís e coa época de celo. Na fase de trampeo, instálase unha gaiola no interior do túnel. Unha das vantaxas deste método é que non se emprega cebo, polo que se trata dunha metoloxía moi selectiva para a captura de visóns americanos antes que calquera outro carnívoro autóctono. Durante todo o proceso respétase o benestar animal e os exemplares capturados trasladaranse ao Centro de Recuperación e Fauna do Rodicio.
Unha especie que se propaga con facilidade
O visón americano é unha especie estrictamente ligada aos medios acuáticos e está considerada como unha especia exótica invasora debido á súa gran capacidade de propagación. Sábese que a súa presenza pode causar problemas non só sobre as poboacións das especies que se alimenta se non tamén sobre outras especies de carnívoros debido a fenómenos de competencia ou por contaxio de enfermidades.
O visón americano en Galicia ten un esprecto alimenticio moi amplo, adaptándose en cada hábitat os recursos que este lle ofrece.