Este mércores 30 de novembro nace Aterra, unha iniciativa do Grupo de Desenvolvemento Rural Limia-Arnoia que ten como obxectivo impulsar novos proxectos agrarios no territorio no que traballa. A presentación terá lugar no Salón de Actos do Concello de Sarreaus ás 12:30 horas.
Aterra é unha iniciativa innovadora que nace da base para chegar ao cume. Tiramos proveito da tecnoloxía e creamos un novo servizo para chegar ás persoas que queiran desenvolver un proxecto agrario.
Queremos recuperar unha parte da produción agraria abandonada. Queremos conectar a persoas propietarias de terras con persoas demandantes de terra para o desenvolvemento ou ampliación do seu proxecto.
Aterra é unha proposta para 25 concellos da provincia de Ourense, das comarcas de Allariz-Maceda, A Limia, Baixa Limia e Terras de Celanova.
Por que escollemos o nome de Aterra? Inclúe a palabra Terra, ‘Extensión delimitada da superficie terrestre susceptible de estar dedicada a unha certa actividade’. Pola súa parte Aterrar é ‘Aparecer, asentarse nun sitio’.
O visor e as terras dispoñibles, en aterra.gal
Como vai funcionar Aterra? En primeiro lugar, contamos cun visor ao que se pode acceder dende a páxina web aterra.gal, deseñado a medida do noso territorio. Visual e sinxelo, pensado para que poida ser empregado por unha maioría de usuarios/as. A tecnoloxía permitirá conectar de maneira simple as persoas demandantes de terra e as persoas que ofrecen terras ou proxectos en marcha.
Por outra parte, faremos un intenso traballo de campo para que resulte unha plataforma útil para as demandantes de terras e para as persoas propietarias de terras ou empresas en marcha que se atopen na súa fase final. Recolleremos e ordendaremos toda a información e peticións que nos cheguen a través da páxina web, das OACs, dos concellos, consultas directas, etc. Acompañaremos no proceso de cesión, aluguer ou venda, e no de creación do novo negocio. Por último, axudaremos ás persoas emprendedoras achegando as posibilidades de financiamento a través do GDR, das oficinas agrarias e doutras entidades públicas e contribuíndo na súa xestión.
Aterra é unha iniciativa que forma parte da Estratexia de Desenvolvemento Local para o período 2023-2027, na que o GDR Limia-Arnoia está a analizar a situación actual do uso e xestión do territorio.