O proxecto Aterra do GDR Limia Arnoia vai xestionar o arrendamento da Finca Antela, cedida pola Deputación de Ourense, para aproveitar estas parcelas e promocionar unha agricultura sostible, respectuosa co medio e coa ecoloxía.

Quen pode acceder á Finca Antela?

Poderán facer a súa solicitude todas aquelas persoas físicas ou xurídicas que cumpran a condición de persoa agricultora profesional no momento da publicación das bases no BOP ou as persoas agriculturas de nova incorporación que se comprometan a darse de alta en actividade agraria nun prazo máximo de 12 meses contados a partir da data da sinatura do contrato de arrendamento.

Ademais, as persoas solicitantes deberán estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Axencia Estatal da Adminstración Tributaria (AEAT), coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social e coa Axencia Tributaria de Galicia (ATRIGA).

As solicitudes faranse de forma telemática no email info@aterra.gal e entenderase por rexistrado cando o GDR envíe un correo electrónico indicando que a súa petición foi recibida e o seu número de rexistro. 

Condicións tanto no arrendamento coma no cultivo

Á hora de solicitar o arrendamento dalgún dos lotes que forman parte da Finca Antela, deberanse cumprir condicións arrendatarias como á hora de cultivar.

No caso do arrendamento, algúns dos puntos a cumprir son:

  • O prezo do aluguer establécese en 300€/Ha por ano, IVE incluído.
  • Cada solicitante poderá optar, en principio, a concesión dunha soa parcela.
  • As parcelas arrendaranse por un período máximo de 5 anos con posibilidade de prórroga de 3 anos, facendo un total de 8 anos.
  • A data de inicio e de fin do período de arrendamento deberá adaptarse ao ciclo de cultivo característico de cada zona, polo que se recomenda que o período abrangue do 1 de novembro ao 31 de outubro.
  • A adxudicación dos lotes será en función da puntuación obtida segundo o baremo das bases e o reparto será realizado segundo o criterio técnico do GDR Limia Arnoia.

Nas bases legais pódense ler outros puntos a cumprir.

No caso do cultivo deberase ter en conta:

  • Os cultivos implantados na Finca Antela terán que ser amparados baixo o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA).
  • Deberase entregar como documentación complementaria un plan de cultivos e actuacións detallado que engoble os 5 anos de concesión.
  • A rotación do cultivo da pataca establécese en 3 anos e o resto dos cultivos en 2. O cultivo da pataca será moi controlado para evitar a infestación das parcelas polo “Nematodo Dourado”.

Para coñecer os lotes destinados ao arrendamento na Finca Antela é preciso ver o mapa ANEXO 3. Están localizados no polígono 177 do Concello de Sandiás.

Criterios de prioridade

Para levar a cabo a adxudicación das parcelas haberá dous tipos de criterios de prioridade, aos cales se lles dará unha ponderación: 40% para solicitantes e 60% para tipos de cultivo.

Segundo os solicitantes, a primeira premisa será a de favorecer a incorporación de novos agricultores, en especial ás mulleres do rural. 

A baremación, polo tanto, sería:

  • Persoa agricultora de nova incorporación que aínda non teña iniciado a súa explotación agrícola: 11 puntos.
  • Novos agricultores xa incorporados fai menos de 5 anos: 8 puntos.
  • Mulleres que xa iniciaran a súa explotación agrícola ou que aínda non a comezaran: 4 puntos.
  • Persoas con discapacidade: 5 puntos.
  • Cooperativas agrícolas, SATs e outras asociacións reguladas pola lexislación vixente en materia de asociacionismo: 10 puntos.
  • Solicitantes que teñen a súa explotación dentro dun Concello do ámbito GDR: 14 puntos.
  • Solicitantes dun dos Concellos que integran a antiga Lagoa de Antela: 16 puntos.

Segundo os tipos de cultivo, todos teñen que estar certificados en ecolóxico polo CRAEGA.

Neste caso, a baremación sería:

  • Cultivos de horta: 27 puntos.
  • Cereais autóctonos; millo e trigo: 25 puntos.
  • Cultivos “mellorantes do solo”: 23 puntos.
  • Cultivos cerealistas: 17 puntos.
  • Cultivo de pataca IXP Pataca de Galicia: 19 puntos.
  • Cultivos forraxeiros: 17 puntos.
  • Prados: 12 puntos.*

*NOTA: No caso do cultivo de prado soamente se permitirá o 20% do total da extensión que
se arrenda. Deste xeito a superficie máxima dos lotes que se destinarán a prado será de
9,86018 Ha.

Documentación necesaria

Cada persoa solicitante deberá cubrir un breve formulario e enviar o resto da documentación que se precisa, descrita nas bases legais, ao correo info@aterra.gal

Accede ás bases legais para completar a información. Se tes algunha dúbida podes atoparnos no correo info@aterra.gal, chamando ao 988 891 116 ou na web www.aterra.gal

Logos financiamentos GDR