A Bola, Allariz e Vilar de Santos serán os puntos de encontro das próximas actividades do programa “Vive a reserva”, incluído dentro do proxecto europeo Equal Rural, e que está organizado polo equipo técnico da Reserva da Biosfera Área de Allariz e do GDR Limia-Arnoia.
A próxima cita será o venres 20 de outubro, no Fogar dos Maiores de Allariz, cun faladoiro sobre os montes comunais. O encontro comeza ás 17:00 horas cun percorrido histórico sobre as comunidades de montes en man común e sobre o papel esencial que xogaron as mulleres na súa defensa do que falará a historiadora Lara Barros, de Mulime. Ao longo da tarde tamén se realizarán algunhas dinámicas para coñecer as historias e os relatos da veciñanza da contorna en relación ao comunal.
O programa continúa o domingo día 22 co X Mercado de Artesanía e produto local que se celebra en Vilar de Santos. A xornada comeza cunha demostración dos traballos do liño que estarán amenizados coa música tradicional que nos traerán As Xingras da Arca. Tamén haberá sesión vermú coas Terreiras na Arca de Noé. Pola tarde, a partir das 16:00 horas, Xela, a superheronía da aldea, fará unha contada infanil. E a continuación, as 17:00 horas, terá lugar o faldoiro sobre o liño “Presente, pasado e futuro” coas veciñas da AMR A Arracada, de Mercedes Veites (Lumecú) e de Pal.lium no que tamén se fará unha mostra de prendas realizadas con liño. As 20:00 horas péchase a xornada co concerto de A Banda da Loba que terá lugar na Arca de Noe.
E xa o sábado 28 de outubro haberá dobre sesión de actividades. De 10:30 a 12:00 horas realizarase un faladoiro sobre os beneficios, dificultades, dificultades, diferenzas segundo o tipo de anima e o papel futuro da gandaría extensiva na loita contra os incendios. O punto de quedada será no cruce da N-525 co polígono de Allariz. Na sesión participaránCarmen Cid, de Ecoleia; María Uxía Álvarez, de O Rego de Coedo; Raquel Noguerol, de A Fazenda do Rial; Rebeca Nay, de O Rexo; Ruth Rodríguez, veterinaria e profesora da USC; e Sonia Vidal, de SLG e Vía Campesina.
Pola tarde, de 16:30 a 19:30 horas, terá lugar no edificio do Concello da Bola o obradoiro de bosques comestibles no que se ensinará a planificar e deseñar bosques de alimentos tendo en conta as particularidades do clima. A posteriori, prantarase unha serie de froiteiras seguindo a teoría. A sesión estará guiada por Carme Míguez Novoa, profesora de FP Agraria no IES Cidade de Antioquía de Xinzo de Limia.
Inscricións
Para participar en calquera destas actividades, que son todas de balde, é necesario anotarse previamente no 664 52 44 86.