Membros do GDR Limia-Arnoia recibiron onte a un grupo de directivos e técnicos do Grupo de Acción Local da Comarca de Antequera, integrado por sete concellos da provincia de Málaga, que viaxaron ata Galicia para coñecer o modelo de desnvolvemento turístico sostible de Allariz e da súa contorna.
A visita comezou coñecendo un tramo da Vía da Prata que conduce o Camiño de Santiago ata a vila medieval de Allariz. O punto de encontro foi San Salvador dos Penedos e dende alí andiveron uns varios quilómetros do camiño.
Ás 12:15 horas a Alcaldesa de Allariz, Cristina Fernández; e a Concelleira de Promoción Económica, María López; recibíronnos na Casa do Concello onde lle explicaron as bases do modelo de desenvolvemento turístico sostible que se está a aplicar tanto no centro histórico de Allariz como na contorna. A súa visita continuou pola tarde cunha viaxe ata o municipio de Xunqueira de Ambía para coñecer un lugar tan emblemático como a colexiata de Santa María a Real.
Acompañados por membros do GDR Limia-Arnoia a delegación malagueña coñeceu de primeira man como se implantou esta estratexia turística como modelo de desenvolvemento rural.