En xuño do ano pasado, dende o Xeodestino Allariz-Maceda e o Grupo de Desenvolvemento Rural Limia-Arnoia, convocouse ao sector hostaleiro e turístico do Xeodestino Allariz-Maceda para participar na implantación do programa de calidade SICTED (Sistema Integral de Calidade Turística en Destino).

Despois duns meses de traballo, o proceso conclúe coa entrega dos diplomas SICTED ao Compromiso de Calidade Turística ás 21 empresas que se adheriron ao programa. A cita tivo lugar este xoves 29 de febreiro no Hotel OCA de Allariz. 

As diferentes entidades e establecementos que recibiron o recoñecemento foron:

  • A Casa do Xastre (Allariz).
  • Arca de Noe (Vilar de Santos).
  • Camping Os Invernadoiros (Allariz).
  • Casa Pepiña (Allariz).
  • Celtainer (Maceda).
  • Clube Hípica Allariz (Allariz).
  • Festival Internacional de Xardíns de Allariz (Allariz).
  • Fío de Liño Allariz (Allariz).
  • Hostal Alarico (Allariz).
  • Hotel O Portelo Rural (Allariz).
  • Hotel OCA Allariz (Allariz).
  • Xeitura (Allariz).
  • Museo da Moda (Allariz).
  • Museo do Coiro, Fábrica Familia Nogueiras (Allariz).
  • Museo Galego do Xoguete (Allariz).
  • Oficina de Turismo de Allariz (Allariz).
  • Roi Xordo Café-Bar (Allariz).
  • Taberna do Pepiño (Allariz).
  • Tenda do Pepiño (Allariz).
  • Museo do Médico Rural de Maceda (Maceda).
  • Restaurante Boigorri (Allariz).

SICTED. Compromiso de Calidade Turística

O selo SICTED é un distintivo de calidade promovido pola Secretaría de Estado de Turismo co que se recoñecen os servizos prestados por parte dunha empresa e co que ademais se accede a múltiples beneficios. Ofrece aos establecementos turísticos adheridos un plan de formación, visitas de asistencia técnica por parte de asesores homologados, talleres colectivos, grupos de traballo que desenvolven propostas de mellora en destino e avaliacións que contrastan a adecuación do servizo turístico aos estándares de calidade. Todo isto culmina na obtención do distintivo Compromiso de Calidade Turística. O obxectivo último deste proxecto é mellorar a experiencia e satisfacción do turista.

Este selo outórgase aos servizos turísticos que acreditaron o cumplimento dos requisitos fixados. É un recoñecemento ao esforzo e compromiso coa calidade e mellora continua, á vez que se distingue o servizo turístico fronte á competencia.

Na Feira Internacional de Turismo (FITUR) celebrada a finais de xaneiro deste ano, tivo lugar a entrega de premios SICTED nos que se recoñeceu o compromiso e o traballo realizado durante estes meses do Xeodestino Allariz-Maceda co fin de que os diferentes locais do territorio que forman parte do sector turístico e hosteleiro implantaran melloras.

Área de Allariz, Maceda e Alto Arnoia

O xeodestino Allariz-Maceda está composto polos concellos de Allariz, Maceda, Baños de Molgas, Taboadela, Vilar de Barrio, Vilar de Santos, Xunqueira de Ambía, Paderne e San Cibrao das Viñas.

Hoxe en día aínda é posible vivir e desfrutar das súas paraxes naturais e dos seus bosques autóctonos, todos con incalculable valor, malia o paso do anos e a acción humana. Bos exemplos son a Serra de San Mamede, as veigas da Limia ou todo o espectacular curso alto do Río Arnoia atravesados por vellas vereas, pontellas e pontes. Por este territorio pódese facer o Camiño de Santiago, máis coñecido como Vía da Prata ou Ruta Mozárabe, que ten hoxe en día camiños fosilizados.

Nesta comarca non só existe Patrimonio Cultural e Natural que observar que se reflexan en Petróglifos, Castros, Aras Romanas, Miliariarios, Cruceiros, Pazos ou igrexas de Arte Románica, senón tamén Patrimonio Inmaterial que foi quedando dende os Mouros, o Home Lobo de Allariz, os Felos de Maceda, a cidade asolagada de Antioquía… ata o rei Afonso X o Sabio, a Mártir Mariña de Augas Santas ou Monchiño de Magarelos. Todo isto pervive grazas á tradición popular. 
Na súa web poderás atopar toda a información que precisas por lugares, hostalería e rutas.

Logos financiamentos GDR