Este domingo, 24 de setembro, arranca o programa “Vive a reserva”, incluído dentro do proxecto europeo Equal Rural, no que se inclúen oito actividades diferentes que se desenvolverán durante os meses de setembro e outubro en distintos puntos da Reserva da Biosfera Área de Allariz.
Este programa, artellado polo equipo técnico do GDR Limia-Arnoia e da Reserva da Biosfera Área de Allariz, terá como protagonistas a unha vintena de mulleres da zona relacionadas co medio rural e a súa dinamización. A través das súas experiencias intentaremos darlle solución aos principais problemas cos que nos atopamos hoxe en día, como son a crise demográfica, a falta de relevo xeracional, a inseguridade alimentaria, a crise enerxética ou a adaptación e mitigación ao cambio climático.
A primeira destas actividades será este domingo, 24 de setembro, en San Mamede de Urrós, en Allariz a partir das 10:30 horas. “Domingos labregos. Fortalecendo comunidades a través do cultivo da terra” é o título desta primeira experiencia que nos chegará da man de Uxía García de Buciños e Novoa. A través dela coñeceremos o concepto de Domingo Labrego e Agricultura Sostida pola Comunidade (ASC), ademáis de afondar sobre a horta ecolóxica e botar unha man en diferentes labores labregas, polo que é necesario levar luvas, prato e vaso. A sesión remata cn xantar para todas/os as/os asistentes que terá lugar en A Torre, nº 12 de Allariz.
A continuación detallamos todas as citas incluídas dentro do programa de “Actividades Vive a Reserva”:
- 24 de setembro (San Mamede de Urrós, Allariz): Domingos labregos: fortalecendo comunidades a través do cultivo da terra
- 30 de setembro (O Mosqueiro, Vilar de Santos): Medrando co pan. Obradoiro para crianzas
- 30 de setembro (Salón Social de Rairiz de Veiga): Faladoiro “As abellas. Coidados de outono. Pasado, presente e futuro da apilcultura”
- 7 de outubro (Mercado da Reserva, Allariz): Encontro de troco de sementes
- 20 de outubro (Fogar dos Maiores, Allariz): Faladoiro “O papel das mulleres nos montes comunais (CMVMC), pasado, presente e futuro”
- 22 de outubro (Museo da Limia, Vilar de Santos): Pasado, presente e futuro do liño. Actividade incluída na X Feira de Artesanía e Produto Local de Vilar de Santos
- 28 de outubro (Zona verde do Polígono Empresarial de Allariz): Rabaños de lume: o papel da gandaría extensiva na loita contra os incendios
- 28 de outubro (Edificio do Concello de A Bola): Deseño de bosques comestibles: introdución teórica e plantación de froiteiras
Inscricións actividades Vive a Reserva
Estas son unhas actividades abertas a todo o público interesado. Son gratuítas e para asistir é necesario anotarse previamente no 664 52 44 86.