Este sábado, 30 de setembro, continúa o programa “Vive a reserva”, incluído dentro do proxecto europeo Equal Rural, e que está organizado polo equipo técnico da Reserva da Biosfera Área de Allariz e do GDR Limia Arnoia.
Entre as 10:00 e as 14:00 horas realizaremos no forno tradicional de Faragullas O Mosqueiro, en Vilar de Santos, un obradoiro para crianzas no que aprenderán sobre o proceso do pan da man da panadeira Carmen Quintas. Esta é unha actividade gratuíta na que é necesario anotarse previamente no 664 52 44 86.
E xa pola tarde, de 17:00 a 19:00 horas, terá lugar no Salón Social de Rairiz de Veiga un faldoiro sobre a apicultura e que leva por título “Outono no apiario”. Durante o mesmo intervirán Estefanía Vázquez, veterinaria; M. Paz Hernéndez, apicultora; e Merche Alonso, apicultora; que nos falarán da apicultura a nivel histórico, os coidados de outono e o día a día dunha apicultora profesional. Esta sesión é gratuíta e está dirixida a todo o público interesado.
Este programa, no que se inclúen varias actividades, ten como protagonistas a unha vintena de mulleres da zona relacionadas co medio rural e a súa dinamización. A través das súas experiencias intentaremos darlle solución aos principais problemas cos que nos atopamos hoxe en día, como son a crise demográfica, a falta de relevo xeracional, a inseguridade alimentaria, a crise enerxética ou a adaptación e mitigación ao cambio climático.