Este sábado, 28 de outubro, péchase a presente edición do programa “Vive a Reserva”, incluído no proxecto europeo Equal Rural. E farémolo cunha dobre sesión.
Pola mañá, de 10:30 a 12:00 horas, realizaremos no edificio de Promoción Económica de Allariz (2º andar) un faladoiro participativo sobre o papel da gandaría extensiva na loita contra os incendios. Intervirán as gandeiras Carmen Cid, de Ecoleia; María Uxía Álvarez, de O Rego de Coedo; Rebeca Naya, de O Rexo; Ruth Rodríguez, veterinaria e profesora da USC; e Sonia Vidal, do SLG e Vía Campasina. Elas falarán sobre os beneficios, as dificultades, diferenzas do manexo segundo o tipo de animal así como o papel da gandaría extensiva ante a actual crise enerxétia, a falta de relevo xeracional ou a adaptación e mitigación ao cambio climático.
E xa pola tarde, estaremos en A Bola para aprender a planificar e a deseñar bosques de alimentos tendo en conta as particularidades da climatoloxía ourensana. Esta charla estará impartida por Carme Míguez Novoa, profesora da FP de Agroforestais do IES Cidade de Antioquía, de Xinzo de Limia. Será de 16:30 a 19:30 horas no edificio do Concello de A Bola.
As dúas actividades están abertas a todo o público interesado e para asistir a calquera destas actividades é preciso anotarse previamente no número de teléfono 664 524 486.
Proxecto europeo Equal Rural
Todas estas actividades enmárcanse dentro do programa “Vive a Reserva” coordinado polo GDR Limia Arnoia e a Reserva da Biosfera Área de Allariz. Durante os meses de setembro e outubro realizáronse unha serie de actividades que tiveron como protoganistas a unha vintena de mulleres da zona relacionadas co medio rural e súa dinamización.