No GDR Limia – Arnoia, estamos a traballar nun novo proxecto de cooperación transnacional xunto co GDR Terras de Pontevedra Norte, Eu Rural e grupos de acción local de Letonia e Bulgaria.
O obxectivo deste proxecto é a busca de estratexias para poñer en valor os produtos locais e o territorio en base á gastronomía, ao patrimonio e á cultura.
Trátase de poñer o foco sobre as empresas do sector primario, aprender das experiencias internacionais que xa están funcionando con éxito e axudarlles aos produtores e produtoras do noso territorio a promocionar e darlles visibilidade aos seus produtos. Neste sentido, tamén estamos traballando con chefs e restauradores para posicionar os produtos de alta calidade que se producen aquí e introducilos no sector gastronómico.
Experiencias internacionais
No pasado mes de xullo, recibimos no noso territorio aos diferentes membros do proxecto para intercambiar experiencias e para que coñecesen algunhas das iniciativas que xa están funcionando no territorio deste GDR. Puidemos amosarlles aos nosos socios europeos e galegos a contorna de Allariz, así como o Ecoespazo O Rexo.
No mes de agosto, unha representación do noso equipo técnico viaxou a Letonia para coñecer diferentes iniciativas no rural que se puxeron en marcha con fondos Leader e que poden ser interesantes para implantar noutros territorios europeos coma o noso.
Unha plantación de flores comestibles para o seu uso gastronómico, unha comercializadora de froitos vermellos, coworkings multidisciplinares ou granxas de leite que pasaron á produción en ecolóxico foron algunhas das iniciativas que puidemos visitar e analizar en Letonia.
Para o mes de setembro está prevista a continuación do programa en Bulgaria.