Guía das Axudas
Ámbito xeográfico das axudas
Gastos Subvencionables
a) A construción, adquisición e mellora de inmobles que vaian a ser utilizados en relación cos obxectivos do proxecto. No caso de adquisición de inmobles, a porcentaxe subvencionable non poderá superar o 50% do total dos gastos subvencionables. Deberán cumprirse os condicionantes seguintes:
- Que se achegue un informe dun taxador independente, acreditado como tal, cualificado ou dun organismo debidamente autorizado que confirme que o prezo de compra non supera o valor de mercado e que o ben se axusta á normativa que resulte de aplicación.
- O ben inmoble non pode ter sido obxecto nos últimos 10 anos de ningunha subvención nacional ou comunitaria.
- Os edificios quedarán afectos ao destino previsto durante un período non inferior a 5 anos ou o tempo que esixa a normativa sectorial.
- No caso de proxectos promovidos por entidades públicas locais ou comarcais ou polas súas entidades dependentes, os inmobles non poderán usarse para albergar servizos de caracter meramente administrativo.
- Non será subvencionable a compra de inmobles que vaian a ser derrubados nin a compra de inmobles a familiares de primeiro grado de consanguinidade ou afinidade, ou a socios da entidade beneficiaria do proxecto.
b) A adquisición de terreos ata o límite do 10% do total dos gastos subvencionables.
Deberán cumprirse os condicionantes seguintes:
- Que se achegue un informe dun taxador independente cualificado ou dun organismo debidamente autorizado que confirme que o prezo de compra non supera o valor de mercado.
- Que exista unha relación directa entre a compra e os obxectivos da operación.
- Que non estean edificados ou o estean con construcións que deban derrubarse como medio para o desenvolvemento e execución da operación subvencionable
c) A adquisición de maquinaria e equipamento novos.
d) Investimentos intanxibles como a adquisición e o desenvolvemento de programas informáticos, así como a creación de páxinas web, estudos e publicacións.
e) Custes xerais vinculados aos gastos de investimento, tales como honorarios de arquitectos, enxeñeiros e asesores, honorarios relativos ao asesoramento sobre a sustentabilidade económica e ambiental, incluídos os estudos de viabilidade. Os custes xerais descritos neste apartado non poderán superar o 12% do custe total subvencionable das operacións de investimento aos que estean vinculados.
f) Gastos notariais e rexistrais derivados do inicio da actividade prevista no proxecto, así como a adquisición de patentes e licenzas, dereitos de autor e marcas rexistradas.
A suma dos gastos sinalados neste apartado xunto coa suma dos gastos en custes xerais sinalados no apartado anterior non poderá superar o 20% do conxunto dos gastos subvencionables do proxecto.
g) Medios e equipos de transporte.
- En proxectos de natureza produtiva, adquisición de vehículos de transporte afectos en exclusiva a actividades empresariais ou profesionais, segundo se define na normativa tributaria vixente, en proxectos que dean lugar ao inicio dunha actividade económica.
- Gastos derivados da adecuación de vehículos de transporte de mercadorías para o desenvolvemento da actividade, sempre que non estean obrigados legalmente a esa adecuación unha vez iniciada a actividade.
En ningún caso se subvencionará a adquisición e/ou adecuación de vehículos no sector do transporte. Para estes efectos, enténdese que operan no sector do transporte as empresas que se dediquen ao transporte de pasaxeiros aéreo, marítimo, por estrada ou ferrocarril e por vía navegable; ou aos servizos de transporte de mercadorías por conta allea.
En proxectos de natureza non produtiva poderán subvencionarse os gastos de adquisición ou da adecuación de vehículos de transporte que estean asociados á prestación de servizos sociais básicos como a atención a persoas maiores, a persoas dependentes ou a persoas con mobilidade reducida, sempre que non estean obrigados legalmente a esa adecuación unha vez iniciada a actividade.
Gastos non Subencionables
- Os investimentos de reparación e mantemento das instalacións, así como a reposición ou simple substitución de equipamento e maquinaria, salvo que a nova adquisición corresponda a equipamentos ou maquinaria diferenciada dos anteriores, ben pola tecnoloxía utilizada ou porque mellore a súa capacidade de produción nunha porcentaxe superior a un 25%, que deberá xustificarse achegando un informe dun técnico competente ou dun organismo debidamente autorizado.
- O IVE recuperable polo promotor do proxecto, así como os demais impostos indirectos que sexan susceptibles de recuperación ou compensación, así como os impostos persoais sobre a renda.
- Os gastos de funcionamento da operación subvencionada e material funxible en xeral, sen prexuízo do disposto con carácter particular nas fichas de elixibilidade correspondentes a gastos en custes correntes, animación e á formación para incrementar a capacitación para o emprego da poboación do territorio que sexa promovida polos GDR.
- Maquinaria, equipamento e materiais de segunda man.
- A execución por medios propios, o traballo voluntario non remunerado ou man de obra propia, así coma os materiais de igual procedencia.
- Os intereses debedores das contas bancarias.
- Os investimentos realizados con carácter previo á presentación da solicitude de axuda, coa excepción dos custes xerais vinculados a gastos de investimento.
- Os investimentos que substitúan a outros que fosen financiados polo fondo Feader ou outro fondo comunitario e non transcorresen, polo menos, 5 anos, contados dende a data da realización do investimento.
- Os investimentos de reforma ou rehabilitación de inmobles cuxa construción ou adquisición sexa financiada polo fondo Feader ou outro fondo comunitario e non transcorresen polo menos 5 anos contados dende a data da realización do investimento.
- Os xuros, recargas, multas coercitivas e sancións administrativas.
- Os gastos de procedementos xudiciais.
- A compra de dereitos de produción agraria, animais e plantas anuais e a súa plantación en investimentos no sector agrario.
- Os conceptos de “gastos xerais” e “beneficio industrial”, agás nos proxectos de promoción pública cando estas partidas formen parte do prezo de licitación de acordo coa normativa de contratación administrativa.
- Os proxectos de sinalización territorial.
- Investimentos non relacionados directamente coas actividades desenvolvidas polo solicitante, así como as obras de simple ornamentación.
- Os gastos financeiros producidos como consecuencia do investimento.
Inicio da subvencionabilidade dos gastos
Documentación a presentar polas entidades promotoras
a) Documentación acreditativa da personalidade do solicitante e, de ser o caso, da representación do solicitante.
b) Declaración censual tributaria (modelo 036 ou 037), ou compromiso de comunicar o inicio de actividade á AEAT cando o proxecto supoña o inicio dunha actividade empresarial.
c) Documentación acreditativa de que se cumpre co requisito de ser pequena empresa: últimas contas depositadas no rexistro correspondente e última memoria anual de actividades aprobada pola entidade, na que figure o número de persoas empregadas do último exercicio pechado, o volume de negocio e o balance anual.
d) Informe da plantilla media de traballadores en situación de alta na empresa, correspondente aos 12 meses anteriores á data de presentación da solicitude de axuda, expedido pola Tesoureiría Xeral da Seguridade Social.
e) Informe de vida laboral da/s conta/s de cotización da empresa e/ou dos traballadores autónomos, correspondente aos 12 meses anteriores á data de presentación da solicitude de axuda.
f) Memoria e resumo do proxecto en documento normalizado: (anexo III- plan de empresa– para proxectos produtivos e anexo IV- plan de xestión- para proxectos non produtivos), no cal se reflicta a situación de partida, os obxectivos que se perseguen coa súa posta en marcha e a metodoloxía de traballo, así como as explicacións necesarias para a correcta comprensión do proxecto. O solicitante debe ter en conta que esta información vai ser tomada en consideración para valorar o cumprimento dos requisitos dos proxectos e para aplicar os criterios de selección que o GDR teña aprobados. Para proxectos de natureza produtivos, a memoria resumo do proxecto deberá incluír unha previsión do plan de empresa que abranguerá polo menos 5 anos, coa xustificación da súa viabilidade económica financeira. Para proxectos de natureza non produtivos, a memoria resumo do proxecto deberá incluír unha previsión do plan de xestión da actividade e/ou do investimento que abranguerá polo menos 5 anos.
g) Orzamento de gastos, desagregados por partidas, necesarios para a execución do proxecto (anexo V).
h) Relación de ofertas solicitadas e elixidas, nos termos indicados no artigo 10 destas bases reguladoras, segundo os documentos normalizados (anexo VI A e declaración segundo modelo normalizado do anexo VI B).
i) De ser o caso, documentación acreditativa da non suxeición ou exención do IVE, de modo que se constate que é efectivamente soportado polo beneficiario e non recuperable.
j) No suposto de investimentos en explotacións agrarias, código de explotación agraria, ou no seu defecto, rexistro oficial que corresponda á explotación agraria.
k) No suposto de proxectos de diversificación de explotacións agrarias cara actividades non agrarias (ficha de elixibilidade IV) deberá achegarse a acreditación do grao de parentesco. Neste suposto deberá achegarse tamén o certificado de empadroamento, só no caso de denegar expresamente á Agader a súa consulta.
l) Plano do Sixpac indicando as coordenadas da localización da operación. .
m) No caso de empresas xa existentes, licenza de actividade do concello ou de ser o caso acreditación da presentación da comunicación previa establecida no artigo 24 da Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia.
n) No caso de que unha operación inclúa obra civil, anteproxecto ou memoria valorada, asinado por técnico competente na materia.
o) Calquera outra documentación ou información adicional que o interesado considere de interese para un mellor análise e valoración do proxecto.
As personas xurídicas e administración local están obrigadas a presentación electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. A Administración e/ou o GDR na súa condición de entidade colaboradora da Administración, poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.
As persoas físicas non están obrigadas á presentación electrónica, e poderán presentar a documentación en formato papel, presencialmente no rexistro do GDR ao que vaian dirixidas.
Moderación de custes
Para todos os gastos incluídos na solicitude de axuda deberase solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, circunstancia que deberá ser xustificada expresamente nunha memoria. Nos supostos de que o beneficiario subcontrate, total ou parcialmente, a actividade que constitúa o obxecto da subvención, nos termos previstos no artigo 27.2 da LGS, tamén deberán achegarse un mínimo de tres ofertas de diferentes provedores.
Deberá remitirse o contido de cada unha das ofertas, e non se admitirá o certificado, informe, invitacións realizadas ou documento similar indicando que se solicitaron e se tiveron en conta tales ofertas na elección da proposta escollida sen que se concrete o seu alcance. As ofertas presentadas deberán incluír os mesmos elementos para ser comparables.
Os provedores non poderán estar vinculados co promotor do proxecto ou cos seus órganos directivos ou xestores.
As ofertas solicitadas para cada gasto tampouco poderán proceder de empresas vinculadas entre si, nos termos establecidos na lexislación de contratos do sector público. Non se admitirán supostos de autofacturación.
A non vinculación das empresas provedoras, nin entre elas nin co promotor do proxecto, acreditarase a través dunha declaración responsable do solicitante ( modelo normalizado do anexo VI B)
A escolla entre as ofertas presentadas realizarase conforme criterios de eficiencia e economía e debe xustificarse expresamente nunha memoria cando esta non recaia na oferta máis económica. No caso de non ser así, considerarase como importe máximo subvencionable para ese concepto o correspondente á proposta máis económica.
No suposto de que non exista no mercado número suficiente de entidades que subministren o ben e que polo tanto non se presenten un mínimo de 3 ofertas de distintos provedores, a moderación de custes acreditarase mediante o informe dun taxador, perito ou dun organismo público autorizado que acredite o seu valor de mercado.
A escolla da oferta ou ofertas presentadas vinculan ao promotor de cara ao desenvolvemento do proxecto, no caso de ser beneficiario da axuda. Excepcionalmente, poderá substituírse o provedor da oferta escollida, sempre que se cumpran as condicións establecidas neste artigo, debendo, non obstante, respectarse o importe máximo da oferta ou ofertas escollidas. Non se considerarán subvencionables os gastos incluídos na solicitude de axuda que non veñan avalados polas ofertas presentadas nos termos expostos.
As entidades públicas de carácter local ou comarcal, poderán documentar a elección da oferta máis vantaxosa xunto coa primeira solicitude de pagamento, achegando unha certificación ou informe do secretario/interventor ou, de ser o caso, do empregado público que de acordo coa estrutura organizativa do concello teña atribuída as competencias en materia de contratación pública, acreditando que o procedemento de contratación se tramitou nos termos previstos no Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público.
Este informe ou certificación acompañarase do listado de comprobación para operacións de investimento público que estará a dispor dos interesados nas sedes dos GDR e que tamén poderá descargarse da páxina web de Agader: http://agader.xunta.es
Nos supostos de que o contrato estea calificado como menor, deberán achegarse necesariamente un mínimo de tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación.
Obrigas das entidades beneficiarias
- Respectar o destino do investimento, polo menos, durante os 5 anos posteriores á data da resolución de pagamento final, salvo que existan prazos de maior amplitude aplicables no ámbito da Xunta de Galicia para proxectos determinados, caso en que se aplicarán estes.
- Manter os empregos consolidados durante os 5 anos posteriores á data da resolución de pagamento final do proxecto. A efectos de mantemento de emprego considéranse empregos consolidados os resultantes do análise e valoración do informe de vida laboral, presentado polo promotor, referentes aos últimos doce meses contados dende a data de solicitude de axuda.
- Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, polo menos, durante o período de permanencia dos investimentos e está obrigado a facilitar a información que lle requira Agader e a someterse ás actuacións de comprobación e control financeiro dos órganos competentes da Administración.
- Comunicar a obtención doutras axudas, ingresos ou recursos públicos ou privados que financien as operacións subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión da subvención, no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dos fondos percibidos.
- Levar un sistema de contabilidade separado ou ben un código contable adecuado para todas as transaccións relativas ao proxecto subvencionado.
- Dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos esixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como cantos estados contables e rexistros específicos sexan esixidos nestas bases reguladoras, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control.
- Publicitar a concesión da axuda segundo establece a normativa LEADER.No caso de operacións que reciban unha axuda pública total superior a 50.000 €, colocarase una placa explicativa con información sobre o proxecto, na que se destacará a axuda financeira da Unión Europea, que deberá permanecer durante todo o período de mantemento dos investimentos.No caso de que o beneficiario teña sitio web de uso profesional, incluirá unha breve descrición da operación con referencia ao financiamento da Unión Europea, que deberá permanecer durante a execución do proxecto e, cando menos, ata a data do pagamento final da axuda.
- Se o investimento consiste na adquisición de maquinaria ou elementos móbiles, a publicidade levarase a cabo mediante a colocación dun adhesivo perdurable. No caso de estudos, publicacións e outros materiais gráficos, a publicidade levarase a cabo mediante a inclusión dos logotipos e lema descritos na portada.
- Os bens subvencionados quedarán afectos á operación subvencionada un mínimo de cinco anos desde a resolución de pagamento final.
- No caso de bens inscritibles nun rexistro público, deberá facerse constar na escritura esta circunstancia, así como o importe da subvención concedida, debendo ser obxecto estes extremos de inscrición no correspondente rexistro público.
Calendario de xestión e solicitudes
Data inicial de admisión de solicitudes: Ano 2017: 31 de xaneiro. Resto de anualidades: 2 de xaneiro.
Data final de admisión de solicitudes para a primeira proposta anual de selección de proxectos: 31 de marzo de cada ano.
Data final de admisión de solicitudes para a segunda proposta anual de selección de proxectos: 30 de xuño de cada ano.
Data final para a primeira proposta anual de selección de proxectos: 31 de maio de cada ano.
Data final para a segunda proposta anual de selección de proxectos: 31 de agosto de cada ano.
Data final de pagamento dos investimentos ou gastos subvencionables polos promotores aos seus provedores: 15 de outubro de cada ano.
Data final de xustificación de investimentos: 15 de outubro de cada ano.
Data final de concesión de axudas: 30 de setembro de 2020.
Data final de pagamentos aos titulares de proxectos da totalidade da axuda certificada: 30 de novembro de 2020.
Tipoloxía de Proxectos Subvencionables
Proxectos Productivos
FICHA DE ELIXIBILIDADE I - investimentos no sector da produción agraria primaria
- A mellora da eficiencia enerxética da explotación agraria deberá quedar acreditada mediante a presentación dun plan empresarial, acompañado dun informe emitido por técnico competente ou dunha auditoría enerxética. A redución dos custes derivados da mellora da eficiencia enerxética da explotación deberá acadar unha porcentaxe mínima do 40%.
- Tamén serán subvencionables pequenos proxectos, ata un máximo de 30.000 € de investimento total elixible, que supoñan o inicio ou implantación dunha actividade agrícola, gandeira ou agroforestal, sempre que esta constitúa unha actividade complementaria á actividade principal non agraria do promotor do proxecto. No caso de proxectos promovidos por persoas físicas, o total da renda da unidade familiar no momento da solicitude de axuda, non poderá ser inferior ao salario mínimo interprofesional vixente. Por outra parte, o resultado final da previsión económica, xuntando a actividade principal non agraria e a renda agraria derivada do proxecto, non poderá superar o quíntuplo do valor do citado salario mínimo interprofesional.
- Sen prexuízo do disposto nos números 1 e 2 deste artigo, tamén serán subvencionables os investimentos que estean vinculados a proxectos de mobilización ou recuperación de terras regulados na normativa vixente. Estes proxectos poderán incluír actuacións de produción agraria en aldeas modelo, proxectos de mobilidade de terras, permutas de predios agroforestais ou outros instrumentos de mobilización ou recuperación da terra agraria.
A intensidade de axuda situarase nun mínimo do 15% e nun máximo do 50% do investimento total subvencionable.
FICHA DE ELIXIBILIDADE II - investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios
Creación, ampliación e modernización de empresas destinadas á transformación e/ou comercialización de produtos agrarios.
Unicamente serán elixibles os proxectos nos cales o importe total dos investimentos subvencionables non exceda de 60.000 €.
A intensidade de axuda situarase nun mínimo do 15% e nun máximo do 50% do investimento total subvencionable.
FICHA DE ELIXIBILIDADE III - investimentos en transformación e comercialización de produtos forestais
Investimentos relacionados coa transformación, utilización e/ou comercialización da madeira como materia prima que sexan anteriores á primeira transformación industrial.
Os investimentos incluídos nesta ficha de elixibilidade unicamente serán subvenionables no caso de que estean dirixidos á produción de quebrado de madeira e/ou de pellets para a xeración de enerxía e/ou fonte de calor. Poderán incluír a tala, descortezado, troceado, almacenamento, tratamento de protección e secado e outras operacións de traballo anteriores á primeira transformación industrial da madeira.
A intensidade de axuda situarase nun mínimo do 15% e nun máximo do 40% do investimento total subvencionable.
O importe de axuda estará limitado a un máximo de 100.000 €.
FICHA DE ELIXIBILIDADE IV - : investimentos que supoñan diversificación das explotacións agrarias cara actividades non agrarias
Proxectos que, respondendo ao obxectivo xeral de mellora da calidade de vida en zonas rurais e diversificación da economía rural impliquen o inicio ou mellora dunha actividade produtiva complementaria da propia actividade agraria que se desenvolva na explotación agraria, tales como:
- Elaboración e venda de produtos artesanais.
- Agroturismo: acondicionamento e mellora das instalacións da explotación agraria de cara a ofrecer servizos turísticos como actividades recreativas e de animación turística, espectáculos, actividades de aventura ou natureza, actividades deportivas como golf, náuticas, esquí, hípica e outras, actividades de valorización e divulgación do patrimonio cultural, balnearios e centros de talasoterapia. Os investimentos que impliquen a creación de prazas de aloxamento estarán supeditados ás limitacións sectoriais segundo convenio coa Axencia Galega de Turismo.
- Servizos educativos, culturais, recreativos, ambientais asociados á valorización de patrimonio natural e/ou cultural ou a ecosistemas agrarios e/ou forestais do territorio.
- Prestación de servizos á poboación.
A intensidade de axuda situarase nun mínimo do 15% e nun máximo do 50% do investimento total subvencionable.
O importe de axuda estará limitado a un máximo de 100.000 €.
FICHA DE ELIXIBILIDADE V - investimentos que supoñan a creación, modernización ou ampliación de todo tipo de empresas que desenvolvan actividades non agrarias
Proxectos que supoñan a creación, ampliación e modernización de pequenas empresas, en sectores da economía distintos ao da produción agraria primaria.
Considérase que a actividade é distinta cando o grupo do código nacional de actividades económicas (CNAE) correspondente á nova actividade sexa distinto do CNAE correspondente á actividade ou actividades comerciais que tivera a empresa con carácter previo á data da solicitude de axuda .
Por modernización entenderase a diversificación da produción dun establecemento en novos produtos adicionais ou un cambio fundamental na natureza da produción ou na tecnoloxía correspondente.
Os investimentos que se limiten a substituír un edificio ou unha máquina existente, ou partes dos mesmos, por un edificio ou por outra máquina nova, unicamente serán subvencionables no caso de que a substitución supoña ampliar a capacidade de produción en máis dun 25% con respecto á que viña desenvolvendo o edificio ou a maquinaria substituída.
No ámbito desta ficha de elixibilidade, tamén serán subvencionables os investimentos vinculados ou incluídos no programa de actuacións de plans estratéxicos ou actuacións integrais promovidos por Agader. Poderán incluírse tamén actuacións no solo de núcleo rural das aldeas modelo, vinculadas a proxectos de rehabilitación, rexeneración e renovación do espazo urbano, enerxías renovables, TIC e economía circular.
A intensidade de axuda situarase nun mínimo do 15% e nun máximo do 50% do investimento total subvencionable.
O importe de axuda estará limitado a un máximo de 100.000 €.
Proxectos NON Productivos
FICHA DE ELIXIBILIDADE VI - investimentos en proxectos non produtivos.
Poderán subvencionarse proxectos que teñan un interese público ou colectivo, é dicir, que afecten, interesen ou beneficien dalgún xeito ao conxunto da poboación ou da sociedade en xeral, e que non supoñan o inicio ou o desenvolvemento dunha actividade económica.
A subvencionabilidade dos proxectos relacionados co mantemento, recuperación e rehabilitación do patrimonio cultural e natural das poboacións, das paisaxes rurais e de zonas de alto valor natural, dependerá de que o departamento da Xunta competente na materia acredite o interese da proposta ou ben estea definido como de interese no plan de mantemento, restauración, mellora ou posta en valor do patrimonio natural ou cultural que o GDR pode elaborar e que estea aprobado por Agader.
Tamén serán subvencionables, entre outros, os proxectos referidos á creación, mellora ou ampliación de todo tipo de servizos para a poboación rural como as actividades recreativas e culturais, xunto coas correspondentes infraestruturas a pequena escala.
Poderán ser subvencionables os investimentos de natureza non produtiva que estean vinculados a proxectos de mobilización ou recuperación de terras regulados na normativa vixente, así como as actuacións no solo de núcleo rural das aldeas modelo, vinculadas a proxectos de rehabilitación, rexeneración e renovación do espazo urbano, enerxías renovables, TIC e economía circular
A intensidade de axuda situarase entre un mínimo do 40% e un máximo do 90% do investimento total subvencionable (até un máximo de 30.000 €), en función das seguintes táboas:
- PRIORIDADE ALTA (AXUDA 40% Ata 90%)
- PRIORIDADE MEDIA (AXUDA 40% ata 70%)
- PRIORIDADE BAIXA (AXUDA ata 50%)
- Escolas infantís, Puntos de atención á infancia,…
- Vivendas Comunitarias, Centros de día para os maiores,…
- Servizo de xantar na casa, para os maiores
- Servizos a domicilio para os maiores (fisoterapia, perruquería, …)
- Servizos de acompañamento (médico, compras, paseos, …)
- Servizos tecnolóxicos (Wifi, TIC,..) tales como telecentros, aulas informática, Plataformas dixitais dirixidas á poboación en xeral
- Transporte adaptado
- Servizos de igualdade e benestar
- Inclusión sociolaboral, pisos tutelados,centros de emerxencia social,…
- Recuperacion patrimonial e paisaxística, intervencións arqueolóxicas, termalismo,…
- Parques infantís
- Oferta cultural
- Áulas natureza
- Terápia asistida con animais
- puntos de Información turística
- Tanatorios
- Rehabilitación e acondicionamento de locais sociais
- Ludotecas
- Áreas recreativas e de lecer
- Instalacións deportivas
- Sinalización de recursos turísticos
- Actuacións no sector da hospedaxe e restauración, en función do convenio AGADER/TURISMO