O GDR Limia-Arnoia segue a traballar na definición da estratexia para o reparto dos fondos europeos Leader do periodo 2023-2027. E faino a través de diferentes mesas sectoriais que permiten coñecer as inquedanzas, opinións e propostas dos sectores máis relevantes do territorio.
Seguindo esta liña de traballo, o vindeiro luns, 22 de maio, ás 09:30 horas, terá lugar na Casa Vella de Allariz (estrada de Amiadoso, número 65) a celebración dunha mesa sectorial que leva por título “Muller e cambio no rural” na que participarán membros do GDR Limia-Arnoia e un pequeno e diverso grupo de mulleres que pertencen a diferentes áreas de traballo (cultura, comercio, servizos socio-sanitarios,…) e que xogan un papel moi importante dentro da transformación do rural.
Este é o segundo encontro que os membros do GDR Limia-Arnoia manterán con este grupo de mulleres despois de que a principios de maio mantiveran unha xuntanza na que expuseron as problemáticas e as necesidades coas que se atopan no seu día a día. O obxectivo do encontro do próximo luns é que cada particpante sinale unha breve relación de problemas e necesidades cos que se atopa así como unha proposta de actuación. A partir das conclusións, o GDR Limia-Arnoia estudará como mellorar as oportunidades de desenvolvemento no territorio para este sector da poboación.