Un novo convenio entre o GDR Limia Arnoia e a Deputación Provincial de Ourense será o propulsor de mobilización das terras en desuso da “Finca Antela”, que se levará a cabo por parte do proxecto Aterra do GDR. É un paso fundamental que se dá nun momento no que Aterra leva mobilizados 100.465 m² mediante compravenda e 32.995 m² mediante aluguer.
49 Ha para os produtores locais
Entre o GDR Limia-Arnoia e a Deputación Provincial de Ourense vense de asinar un acordo de cesión da xestión de varias parcelas rústicas propiedade do ente provincial, situadas na “Finca Antela”, no Concello de Sandiás, que posúen unha superficie de 49 Ha e que están en desuso, co fin de que o GDR Limia-Arnoia a través do seu proxecto Aterra consiga mobilizar esas terras entre os productores locais da zona.
A partir de agora e durante 25 anos ou ata que remate o proxecto, Aterra será o encargado de xestionar dita superficie. Se estades interesados ou interesadas, a información sobre as condicións de acceso e o proceso de solicitude estarán dispoñibles nas páxinas web de Aterra (aterra.gal) e na do GDR, a partir do xoves 25 de abril.
A Deputación Provincial de Ourense apoia dende o 2023 o proxecto Aterra, xa que concedeu 30.000€ para poder sufragar os gastos de funcionamento do proxecto. Este financimiento é imprescindible para manter os medios de traballo e as persoas contratadas no proxecto.
Balance do primeiro ano de Aterra
Aterra é parte fundamental da Estratexia de Desenvolvemento Local 2023-2027 do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Limia-Arnoia. Viu a luz a finais do 2022 ten por obxectivo impulsar novos proxectos agrarios no territorio no que actúa. O Grupo de Desenvolvemento Rural detectou a necesidade de crear un fondo de terras co obxectivo de dispoñer de parcelas produtivas que permitan apoiar novas explotacións agrarias ou o mantemento das que xa existen.
Neste primeiro ano de proxecto os datos acadados son:
- Ofertas de terra. A disposición para a venda, aluguer ou en algún caso cesión, cóntase con 79 parcelas. Estas ofertas de terra son de 22 propietarios diferentes.
- Demandas de terra. Na actualidade hai en vigor 30 demandas, que teñen como finalidade nalgúns casos a ampliación da base territorial da explotación e noutros casos a idea de incorporación á actividade agraria ou gandeira.
- Terra mobilizada. Aterra mobilizou 100.465 m² mediante compravenda e 32.995 m² mediante aluguer. O volume total de venda ascende a 105.544 € (1,05 €/ m² de media).
En decembro de 2022 comezouse a facer a difusión externa do proxecto a través das redes sociais do GDR Limia Arnoia, tanto na súa canle de Facebook coma de Instagram, pero nos meses de maio e agosto, creáronse as novas redes sociais de Aterra, Facebook e Instagram respectivamente. Isto fixo que tivese máis acollida tanto de demandantes como de ofertantes de terras. Neste senso, tamén hai que incluír as entrevistas en prensa, en medios como La Voz de Galicia, Praza.gal, Somos Agro, La Región, Campo Galego, Telemiño, CRTVG e Cadena Ser.
Dende o momento no que o persoal técnico se puxo a traballar en abril de 2023, realizáronse visitas en todo o territorio para entregar material informativo, coa finalidade de dar a coñecer o proxecto e o persoal de Aterra entre todos os posibles axentes locais; informar da ubicación da oficina de Aterra en Allariz, do horario, do teléfono e do correo electrónico de contacto e facendo énfase en que o persoal se desprazará en caso necesario ata o interesado.
Estas visitas fixéronse en:
- Os 25 concellos do territorio que forman parte do GDR.
- Notarías.
- Oficinas Agrarias Comarcais (OAC).
- Distritos forestais.
- Inmobiliarias.
- Organizacións e asociacións de produtores.
- Tendas de Agro.
- Xestorías e asesorías.
- Comunidades de regantes.
- Sindicatos.
Máis sobre Aterra
Aterra busca recuperar unha parte da produción agraria abandonada e conéctanse persoas propietarias de terras con persoas demandantes de terra para o desenvolvemento ou ampliación do seu proxecto.
Para calquera consulta (ofrecer terras, demandar terras ou consultar as terras dispoñibles) hai que facelo a través da web e a través do visor, feito á medida do territorio, poderás obter esta información. Tamén podedes contactar co persoal de Aterra aquí e resolver as vosas dúbidas.