O GDR Limia-Arnoia vén de conseguir a puntuación máis alta de Galicia, 79 puntos, na preselección da entidade como Grupo de Desenvolvemento Rural para o período 2023-2027.

Estamos inmersos na elaboración da Estratexia de Desenvolvemento Local, para a que deseñamos un proceso participativo que inclúe distintas accións.

En primeiro lugar, a campaña “A túa voz conta”, buscou que asociacións e entidades que traballan no territorio se uniran ao GDR e formaran parte do proceso participativo.

Por outra parte, recentemente fixemos un chamamento para que calquera persoa que viva nas comarcas Allariz-Maceda, A Limia, Baixa Limia e Terras de Celanova, ou que garde un vínculo co territorio, poida achegar a súa opinión ao redor dalgúns temas fundamentais para o presente e o futuro dos 25 concellos cos que traballamos. Estas preguntas, que continuaremos publicando en próximas semanas, poden consultarse nos perfís de Facebook e Instagram do GDR Limia-Arnoia.

O proceso participativo inclúe traballo por parte do equipo técnico do GDR que consiste en entrevistas, mesas sectoriais ou reunións con diferentes axentes do territorio.

O mércores 30 no Concello de Sarreaus, presentación de Aterra

Unha mostra máis do proceso participativo para a creación da Estratexia de Desenvolvemento Local 2023-2027 é a iniciativa Aterra, un proxecto innovador que ten como obxectivo impulsar novos proxectos agrarios no territorio. Queremos recuperar unha parte da produción agraria abandonada e conectar persoas propietarias de terras con persoas demandantes de terras para o desenvolvemento ou ampliación do seu negocio.

A presentación de Aterra terá lugar este mércores día 30 de novembro ás 12.30 horas no Salón de Actos do Concello de Sarreaus. Previamente, ás 10:30, terá lugar unha xuntanza da mesa institucional na que se convocan ás 25 alcaldías do territorio para analizar a nova Estratexia de Desenvolvemento Local e as actuacións comúns para o ano 2023.

Programa presentación Aterra

  • 12:30 Benvida. Marian Novoa
  • 12:33 Presentación e introducción ao GDR e á problemática do acceso á terra
    • Gumersindo Lamas Alvar. Presidente do GDR
  • 12:35 “O acceso á terra no GDR Limia Arnoia”. Mesa de experiencias. Modera X.M.Puga
    • Carmen de Ecoleia. “30 anos de aproveitamento do monte comunal para a produción de leite ecolóxica”. Allariz
    • Isabel Santos de Cooperativa Bustelo. Cooperativa de horta, proxecto subvencionado polo Leader 2014-202. Xunqueira de Ambía
    • Iván Cubillas de A Vaquería en Baltar. Subvencionado no 2021 polo Leader.
    • Pablo Puxedo. 
  • 13: 05 Presentación e demostración do programa Aterra.
    • Vídeo de presentación
    • Eva González. Coordinadora do GDR Limia Arnoia
    • Francisco Ónega. USC
  • 13:25 Peche
Logos financiamentos GDR