O GDR Limia – Arnoia, en colaboración coa Asociación Galega de Tracción Animal e Asociación A Monte, organiza a próxima semana un curso semipresencial sobre frondosas e tracción animal que impartirán un total de doce expertos nestas materias. A formación realizarase de forma online os días 23, 24 e 25 de marzo en horario de 18:00 a 20:00 horas e o sábado, 26 de marzo, realizarase de 10:00 a 14:00 horas unha visita ao Centro de Intrepretación de Tracción Animal – Citran -, en Lobios.
O obxectivo deste curso é dar a coñecer os diferentes aproveitamentos que ofrecen os montes de frondosas así como a recuperación da tracción animal dende unha perspectiva moderna e acorde ás necesidades actuais. Para iso contaremos coa presenza de expertos como Manuel Marey, do grupo PROEPLA; Francisco Pedras, de A Monte; Davide Outeiro, da Asociación Galega de Tracción Animal; Antonio Pérez, da Gandeiría Balín; David Rodríguez, de Amarelante S.C.G.; Elías Santalices, de Agroforestal Carballeira; Manuel Beiro, de ASEFOR; Marian Ferreira, de ECOAGRASOC e Joao Brandao Rodrigues, de APTRAM. Para a presentación de cada unha das ponencias contaremos coa presenza de Xabier Bruña, Fran Pedras e Óscar Pérez García.
Inscricións
Esta é unha actividade formativa gratuíta e aberta a todas as persoas interesadas nestas materias. Para asistir é necesario enviar previamente un correo electrónico cos datos da persoa (nome, apelidos e un número de teléfono) que participa a info@limia-arnoia.gal