O GDR Limia-Arnoia, o GDR Terra e Auga, o GDR Camín Real de la Mesa (Asturias) e o Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela participan no proxecto “Mixturando. Desenvolvemento de novas estratexias de valorización do bosque mixto atlántico en Asturias e Galicia”. As catro entidades resultamos beneficiarias da convocatoria da Fundación Biodiversidad de subvención para o apoio a proxectos transformadores para a promoción da bioeconomía ligada ao ámbito forestal e á contribución á transición ecolóxica no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, do Ministerio para a Transición Exolóxica e o Reto Demográfico, financiado polos fondos Next Generation EU.

O 8 de febreiro do 2024 publicouse a resolución da convocatoria que recollía que Mixturando era beneficiario dunha axuda cun importe de 1.690.592,38€. 

O proxecto Mixturando desenvolverase ao longo dos anos 2024 e 2025. Traballaremos con entidades locais (concellos, comunidades de montes, asociacións locais e agricultores, gandeiros e apicultores) na creación de modelos de aproveitamento de bosque mixto en tres territorios dos concellos de Entrimo, Lobios, Lobeira e Muíños, en masas de bosque do Parque Natural Baixa Limia – Serra do Xurés. O traballo está baseado na execución en campo, transformando superficie de monte comunal ou de utilidade pública en modelos de aproveitamento dos recursos naturais, co fin de contribuir a construír modelos de economía verde para as zonas rurais de actuación. 

Os obxectivos e as accións a desenvolver son os seguintes.

Obxectivo 1: Identificación de modelos innovadores de aproveitamento do bosque mixto

O primeiro obxectivo é a identificación e caracterización de modelos innovadores e optimizados de aproveitamento do bosque mixto atlántico para incentivar o emprego e economía sostible en zonas de alto valor ambiental.

  • Acción 1. Cartografar e caracterizar socioeconómica, legal e administrativamente as actividades tradicionais nestes enclaves, avaliando o seu estado de conservación.
  • Acción 2. Elaboración dun catálogo de modelos técnico-económicos innovadores para a posta en marcha de actividades demostrativas/formativas.

Obxectivo 2: Creación de modelos técnico-económicos para o desenvolvemento de procesos produtivos

O segundo paso é a creación e aplicación de modelos técnico-económicos para o desenvolvemento de diferentes procesos produtivos (agroforestais, agrogandeiros e silvopastorais).

  • Acción 3: Validación dos modelos técnico-económicos para aproveitamentos forestais.
  • Acción 4: Validación dos modelos técnico-económicos para aproveitamentos silvopastorais.
  • Acción 5: Validación dos modelos técnico-económicos para aproveitamentos agroforestais.

Obxectivo 3: Formación e capacitación de traballadores

O terceiro obxectivo é a transferencia, información, formación e capacitación a diferentes niveis de traballadores para a posta en marcha dos modelos técnico-económicos desenvolvidos ou outros en diferentes zonas.

  • Acción 7: Transferencia do coñecemento xerado a través dos instrumentos “Transfer Classroom” e “Living labs”.
  • Acción 8: Difusión dos resultados obtidos nun ámbito global. No caso do noso territorio, as actuacións previstas están explicadas a continuación.

Mixturando conta con tres áreas de intervención no monte dende unha visión ambiental, económica e cultural. As tres áreas corresponden cos territorios dos GDR que conforman o proxecto. Deseñamos diferentes modelos de aproveitamento que nos axuden a valorizar o recurso local e a mellorar o emprego.

Logos financiamentos GDR