O Grupo de Desenvolvemento Rural – GDR – Limia-Arnoia vén de poñer en marcha unha campaña para dar a coñecer o grupo entre as diferentes entidades locais do territorio e convidalas a que participen no deseño dunha Estratexia de Desenvolvemento Local para as comarcas de Allariz-Maceda, A Limia, Baixa Limia e Terras de Celanova. Dita estratexia será a base de traballo para a chegada de novos fondos do Programa Leader previstos para o periodo 2023-2027.

En concreto, esta campaña está dirixida especialmente a asociacións de mulleres; asociacións xuvenís; entidades de acción social; entidades para a conservación do medio; entidades do sector cultural, educativo e etnográfico; asociacións agrarias e asociacións profesionais. 

O GDR Limia-Arnoia aglutina diferentes organismos de carácter público e privado dos 25 concellos que forman o territorio. As súas principais funcións é a planificación, promoción, difusión e coordinación das diferentes actuacións levadas a cabo para mellorar a competitividade do sector agrario e forestal, da mellora do ambiente e contorno rural, da mellora da calidade de vida dos nosos habitantes e da diversificación da economía rural.

“Pór en valor a nosa riqueza natural e cultural, contribuír á creación de emprego no rural e mellorar a capacidade de organización das respectivas comunidades son o tres obxectivos cos que vimos traballando no GDR Limia-Arnoia dende os nosos inicios”, sinala Eva González, coordinadora do grupo. Durante o periodo 2017-2022, o GDR Limia-Arnoia financiou 93 proxectos distribuidos por todo o territorio cun investimento de 9,1 millóns de euros e unha axuda de 4,4 millóns de euros procedentes do Programa Leader. Estes proxectos axudaron a consolidar e a crear 99 postos de traballo e formáronse en diferentes ámbitos máis de 100 persoas.

Asamblea Xeral Ordinaria

Por outra parte, o GDR Limia-Arnoia vén de convocar aos seus socios para a Asamblea Xeral con carácter ordinario que se celebrará o vindeiro luns, 27 de xuño, ás 20:00 horas, no Salón de Plenos do Concello de Xinzo de Limia. 

Entre os temas da asamblea figuran a actualización das entidades socias, a aprobación da memoria de actividades e das contas do 2021, o balance do período do programa Leader 2017-2022 e a aprobación da presentación da candidatura para a xestión dos fondos Leader para o periodo 2021-2022.

Únete ao GDR Limia-Arnoia

Na páxina web do GDR, na sección “Asóciate” pódese rexistrar calquera entidade interesada en formar parte do Grupo de Desenvolvemento Rural. O teléfono 988 688 779 está dispoñible para a resolución de posibles dúbidas.

Logos financiamentos GDR