O GDR Limia-Arnoia estará presente na IV edición da Feira Agraria da Limia que se celebra dende mañá e ata o domingo en Xinzo de Limia.
Contará cun stand propio no que se dará a coñecer o proxecto Aterra co fin de que os visitantes coñezan esta iniciativa posta en marcha o ano pasado polo GDR Limia-Arnoia. Aterra ten como obxectivo impulsar novos proxectos agrogandeiros a través dunha ferramenta na que se poñen en contacto as persoas propietarias cos demandantes de terras.
Eurochef II, na programación de Alimagro
Por outra parte, o GDR Limia-Arnoia fará unha promoción dos produtos locais de tempada con dous obradoiros de cociña e posterior degustación que se enmarcan dentro do proxecto de cooperación trasnacional Eurochef II no que participa o noso grupo de desenvolvemento local xunto co GDR Terras de Pontevedra Norte e cun grupo de acción local de Bulgaria e outro de Lituania.
Os obradoiros de cociña realizaranse o sábado e o domingo, ás 12:00 horas, e estarán dirixidos por dous cociñeiros do grupo de cociña Ourense. O sábado, Juan Cortés, faranos unha proposta con produtos da horta e lácteos e o domingo será a quenda de Gerson Iglesias que cociñará un prato vexetal.
Alimagro reunirá durante estes tres días no pabillón de deportes de Xinzo de Limia a diferentes profesionais do sector da pataca. De forma paralela tamén haberá unha exposición de maquinaria e de diferentes apeiros de labranza e unha xornada técnica da pataca que se celebra mañá venres na Casa da Cultura de Xinzo de Limia.