Unha vez rematado o prazo, o Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Limia-Arnoia recibiu un total 76 solicitudes para a posta en marcha de diferentes proxectos que impulsan o rural e que, no caso de que se aprobaran todos, suporían unha inversión na zona de máis de sete millóns de euros. De todas as solicitudes recibidas, máis do 70% están promovidos por mulleres e repártense polos diferentes municipios que compoñen o noso territorio.

Estas solicitudes encádranse do Plan Leader do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020, que executa coa colaboración da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader). O GDR Limia-Arnoia ten concedidos para o periodo 2023-2024 un total de 710.392,92€.

Entre as solicitudes presentadas hai 31 proxectos produtivos –procedentes de pequenas e medianas empresas–, 20 públicos –entidades públicas– e 25 privados –asociacións e comunidades de montes–.

O GDR galego con máis solicitudes de axuda

Cabe destacar que, unha vez pechado o prazo, o GDR Limia-Arnoia situouse como o Grupo de Desenvolvemento Rural con maior número de solicitudes de axudas de toda a comunidade galega.

Ademais, esta foi a convocatoria na que o GDR Limia-Arnoia recibiu un maior número de solicitudes. Para a coordinadora da entidade, Eva González, este feito demostra “por unha parte, as ganas que hai no noso territorio de apostar polo rural aproveitando os nosos propios recursos e, por outra, é un indicador de que a pesar de estar nun territorio con moitas dificultades demográficas o GDR Limia Arnoia está a levar a cabo unha importante labor de dinamización rural de que ten os seus froitos”.

Logos financiamentos GDR