Despois de 14 meses de traballo centrados na análise da situación actual da muller no sector agrícola, o programa Equal Rural chega a súa fin o vindeiro 22 de decembro nun acto que terá lugar a partir das 16:00 horas no Fogar do Maiores de Allariz e que está aberto a todas as persoas interesadas.

A sesión comeza ás 16:00 horas coa presentación dos resultados obtidos coas diferentes actividades realizadas durante estes meses. A continuación, Isabel Vilalba Seivane, do Sindicato Labrego Galego, falará da “Soberanía alimentaria como resposta antes futuros incertos”. Varias veciñas da zona que traballan no campo xunto con Ana Cabana, historiadora da Universidade de Santiago de Compostela, conversarán sobre “Quen nos alimentou no pasado”. Tras unha pausa para o café, ás 18:30 hotas haberá unha nova charla ofrecida por Mar Pérez Fra, economista da USC, que leva por título “Da globalización á localización: Como estamos hoxe na produción de alimentos?”. As traballadoras do campo volverán á palestra para analizar “Quen nos alimenta hoxe?”. O acto pecharase co concerto que nos ofrecerán “As Xingra da Arca”. Este é un acto gratuíto aberto a todas as persoas interesadas.

Equal Rural é un programa impulsado pola GDR Limia Arnoia, a Reserva da Biosfera de Allariz, a Associaçao dos Jovens Agricultores de Portugal e a Associaçao Inovterra e que se inclúe dentro do programa “Citizens, Equality, Rights and Values Programme (CERV), da Comisión Europea. Ao longo destes meses realizáronse diferentes actividades para coñecer cal é o papel actual da muller dentro do sector agrícola e identificar cales son os desafíos aos que se enfronta. Unha das actividades máis chamativas e con maior participación foron os encontros dixitais “Venres en feminino” nos que se fixeron ata un total de 24 sesións dende os distintos países participantes no programa e nos que se deron a coñecer distintos casos de éxito.

Logos financiamentos GDR