Dende a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, ente público adscrito á Consellería de Medio Rural, xunto coa Fundación Juana de Vega e o GDR10 A Limia-Arnoia, estase redactando o Plan Estratéxico do Sector Agrario na Limia (PEL).

O principal obxectivo do PEL é o desenvolvemento dun sector agrogandeiro sostible, rendible economicamente e compatible co medio ambiente. Para lograr este obxectivo é indispensable realizar un Proceso Participativo no que estean presentes os principais axentes do sector agrario da Limia así como todas administracións públicas con competencias na comarca. Por esta razón, queremos convidalos a colaborar activamente neste proceso.

Debido á situación sanitaria e social derivada da Covid-19, todos os encontros participativos vanse celebrar en modalidade dixital, de xeito que se garanta completamente a seguridade das persoas asistentes.

Lagoa de Antela

A comarca da Limia na provincia de Ourense está conformada polos concellos de (Os Blancos, Baltar, Xinzo de Limia, Sarreaus, Porqueira, Trasmiras, Rairiz de Veiga, Sandiás, Vilar de Santos, Calvos de Randín, Vilar de Barrio e Xunqueira de Ambía). A comarca ocupa unha superficie de 801,9 quilómetros cadrados e tiña unha poboación de 20.340 en 2018 (IGE).

A Limia é unha comarca cunha forte especialización produtiva centrada no sector primario,que achega o 29,59% do PIB comarca (IGE, 2018). Na actualidade é un dos territorios con maior produción agrícola de Galicia, tanto en produtos hortícolas, como de pataca, cereal e millo.  Asemade destaca por unha forte implantación da gandería intensiva de porcino, de aves e de vacún, que xera un impacto medioambiental importante no territorio sobre o que cómpre actuar.Especialmente nos últimos anos,a conflitividade social derivada da contaminación por nitratos das augas da comarca nalgúns lugares concretos é crecente/acusada.O garantir a “Auga limpa e o saneamento para todos” e o obxectivo número 6 dos 17 Obxectivos para o Desenvolvemento Sostible (ODS) das Nacións Unidas establecidos no ano 2015 e relacionase fortemente con outros ODS como o número 2 de “Seguridade alimentaria e agricultura sostible” ou o 3 de “Saúde e benestar”. E por iso que diversas administracións, empresas e sociedade civil están traballando nos últimos anos en iniciativas,como a “Mesa da Limia”, que contribúan a reducira concentración de nutrientes nas masas de auga, contaminación que ten diferentes orixes polo que é necesario que todo o territorio e todos os axentes da Limia traballen de xeito conxunto para reducir os aportes de nutrientes ao medio.

Gran parte da superficie da comarca está protexida pola Rede Natura 2000 baixo a figuras de Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA A Limia). Tamén o ecosistema fluvial do río Limia, concretamente a Veiga de Ponteliñares está declarada Zona Especial de Conservación (ZEC Veiga de Ponteliñares) . O embalse das Conchas destinado a produción de electricidade recolle as augas do río Limia. É neste embalse onde puntualmente se producen episodios de crecemento intenso de cianobacterias e eutrofización. Estes procesos xorden cando a auga recibe grandes cantidades de compostos nitroxenados e de fósforo que poden proceder fundamentalmente da actividade agraria e dos residuos urbanos.