O GDR Limia-Arnoia organiza unhas xornadas ao redor da marca Reserva da Biosfera para o alumnado do colexio Carlos Cid Arregui de Rairz de Veiga. Deste xeito, os nenos puideron visitar o entorno da Reserva da Biosfera, Allariz e o museo de Vilar de Santos. Nestas saídas os nenos entraron en contacto cos produtos locais e esta semana probáronos no seu comedor escolar.
Os menús foron os seguintes:
- Luns 30 de maio: Crema de verduras de cabaza e porro, tortilla de patacas e acelgas con ensalada e de postre mandarina.
- Martes 31 de maio: Caldo de repolo e fabas, hamburguesa á prancha acompañada de pasta, con salsa de cabaza máis ensalada e de postre queixo fresco con kiwi.
Os ovos da tortilla son ovos ecolóxicos de Galiña de Mos, producidos na explotación Rego de Coedo, onde tamén se produce a hamburguesa de carne de vaca limiá.
Os produtos de horta e froita son de produción ecolóxica galega, producida e/ou comercializada por Daiqui SCG. As pastas ecolóxicas galegas son da marca luguesa Bubela Artesá. O queixo fresco é da marca Padre Feijoo de Celanova, e o pan, de Rairiz de Veiga.
Achegar produtos locais e ecolóxicos aos comedores escolares contribúe a transmitir a importancia do respecto e coidado do medio máis cercano e da alimentación saudable e de calidade como valores fundamentais para o futuro das nenas e dos nenos.
Alimentos da Biosfera
Os Grupos de Desenvolvento Rural galegos que cooperan con “Alimentos da Biosfera” fano para impulsar a calidade das producións baixo esta marca e para mitigar o cambio climático mediante o fomento do consumo en circuítos locais. Ademais, búscase que as empresas se incorporen á marca, mellorar a visibilidade dos produtos e organizar o consumo destes produtos locais e ecolóxicos en comedores escolares, que no caso do GDR Limia-Arnoia, desenvolve esta parte do proxecto no CEIP Plurilingüe Carlos Cid Arregui.