Parque Arqueolóxico de Monte Grande 2
Proxectos Non Produtivos – Entidades Privadas
A zona proposta para a creación do espazo cultural e arqueolóxico do Monte Grande, sitúase na Serra do Arnedo, tamén coñecida como Serra de Bande ou Monte Grande. Un monte cunha gran riqueza natural e patrimonial encravado entre as bacías hidrográficas dos ríos Limia e Arnoia. A área de actuación, distribúese entre os 800 e os 1000 metros sobre o nivel do mar, comprendendo unha ampla franxa de territorio, disposto entre as as aldeas da parroquia de San Pedro de Bande. Os restos arqueolóxicos están distribuídos por toda a extensión da Serra, con distribución de xacementos que abranguen un longo periodo de tempo que vai dende a Prehistoria ata a Idade Media; distinguíndose necrópoles megalíticas, petróglifos e Castros. As máis representativas serán integradas no Parque Arqueolóxico; concretamente as Mámoas das Terras Brancas, as mámoas do Arando e a Mámoa do Vieiro. A área de información establecerase nunha parcela didáctica situada ao pé da estrada OU-540 e a menos de 2 kms da vila de Bande. Dende este sitio interconectaranse todos os puntos de interés do parque arqueolóxico, dende o que se poderán establecer roteiros a pé , en bicicleta, a cabalo ou en todoterreo.
PRINCIPAIS OBXECTIVOS:
- Crear un gran espazo arqueolóxico ao ar libre con fines didácticos e interpretativos.
- Crear un espazo artístico e informativo integrado na natureza.
- Dinamización comarcal a través da recuperación do patrimonio cultural, enfocada cara a mellora dunha zona rural con núcleos de poboación pequenos.
- Incrementar o atractivo turístico dunha zona con gran valor natural.
- Fomentar o valor educativo e científico do monte cunha xestión sustentable do mesmo e aumentando o seu valor de recreo.
- Fomentar o emprego dos medios de tracción animal para usos forestais, incidindo da menor emisión de gases contaminantes á atmósfera.
- Favorecer a biodiversidade recuperando as carballeiras do entorno das mámoas e eliminando os piñeiros de repoboación.
Expediente: L19-19.20- 10-0136
Promotor
CMVMC MONTE GRANDE II
Concello e Lugar
BANDE
Puntuación: 81
Orzamento Aceptado:29.700,00 €
Porcentaxe axuda: 90%
Contía Axuda: 26.730,00 €