Casa dos oficios – Recuperación e posta en valor do patrimonio etnográfico
Proxectos Non Produtivos – Entidades Privadas
Expediente: L17-19.20-10-0066
Promotor: Asociación de Veciños de Puxedo
Concello do investimento: Lobios
Puntuación: 67
Orzamento Aceptado: 13.363,01 €
Porcentaxe axuda: 78,18%
Contía Axuda: 10.447,20 €
Proxecto de rehabilitación, conservación, custodia e divulgación do patrimonio etnográfico do Xurés. Para isto, a Asociación de Veciños de Puxedo pretende adquirir e reformar unha antiga adega con lagar e habilitar unha antiga palleira, propiedade da asociación, para instalar unha exposición etnográfica permanente cos apeiros, útiles e ferramentas máis representativos dos distintos oficios tradicionais do Xurés doados polos veciños, así atopamos apeiros relacionados coa labranza, o tecido do liño, a carpintería e a ferrería.
Estes espazos atópanse situados na parte máis tradicional da aldea de Puxedo e a mostra pretende evitar que se perdan os elementos representativos da etnografía do Xurés e a cultura inmaterial asociada a eles, transmitíndoo mediante visitas guiadas, talleres ou obradoiros.
A asociación de veciños de Puxedo dinamizadora do rural
No medio do Parque Natural do Xurés atópase a aldea de Puxedo, cuxa asociación veciñal é unha das máis activas da contorna. A asociación de veciños de Puxedo, creada no ano 2008, leva a cabo numerosas actividades de dinamización cultural e realiza un importante labor de recuperación e posta en valor do seu patrimonio etnográfico.
A dinamización da aldea comezou coa recuperación de espazos públicos e comunitarios en situación de abandono e, pouco a pouco, sumáronse outros proxectos como o Eco Museo do pan ou a Casa dos oficios, que foron convertendo a aldea nun exemplo de recuperación etnográfica e convivencia cultural e veciñal.
O traballo de recuperación e posta en valor do patrimonio etnográfico da aldea levou a esta asociación a ser a gañadora do premio AGADER 2020 sobre proxectos culturais e de recuperación patrimonial no medio rural e tamén a ser un enclave turístico de gran interese que atrae visitantes que queren coñecer a vida tradicional do Xurés.
Mais esta aldea non só conseguiu ser premiada, senón que a día de hoxe hai diferentes persoas que se interesaron por rehabilitar vivendas privadas e novos negocios de turismo rural, onde se aposta pola utilización de materiais tradicionais na zona para a recuperación das vivendas, principalmente madeira e pedra.
Imaxe Previa Execución
Imaxes Proxecto Executado