Centro de exposición de produtos locais en Puxedo

Proxectos Non Produtivos – Entidades Privadas

Expediente: L18-19.20- 10-0120
Promotor: Asociación de Veciños de Puxedo
Concello e Lugar: Concello de Lobios, Puxedo
Puntuación: 67
Orzamento Aceptado: 41.202,89 €
Porcentaxe axuda: 78,18%
Contía Axuda: 32.212,42 €

Levarase a cabo a adquisición dun inmoble e rehabilitación do mesmo, así como a adecuación doutro xa propiedade da asociación.

A arquitectura de ambos presenta un marcado carácter tradicional, ao tratarse dunha antiga palleira e unha adega con lagar para o viño, a cal actualmente se atopa en ruínas. As técnicas de rehabilitación e materiais empregados serán respectuosos coa singularidade e o aspecto orixinal das construcións, feitas en pedra granítica de pequeno tamaño. Así, mellorarase tamén urbanisticamente a parte máis tradicional do núcleo composta por edificacións tradicionais (palleiras, alpendres, adegas, currais, vivendas en pedra granítica…) mesturadas co patrimonio etnográfico en torno ao ciclo o pan (eiras, hórreos e forno).

A iluminación das instalacións farase empregando exclusivamente enerxías renovables, mediante a instalación de tres placas solares.

Unha vez acondicionados os inmobles, nos mesmos instalaranse elementos tradicionais relacionados coa elaboracións destes produtos, así como cartelería e audiovisuais nos que os mesmos produtores explicarán a elaboración e as características dos seus produtos. Asemade, farase unha pequena exposición dos produtos que hoxe poden adquirirse e os lugares onde se comercializan. Os produtos que formarán parte da exposición son os seguintes: mel, castañas, embutidos, pan, aceite, viño, estrugas e cociña tradicional.

Posta en valor dos produtos do Xurés

Pablo, presidente da Asociación de Veciños de Puxedo, explica que esta iniciativa naceu para dar a coñecer todos os produtos da zona: embutidos, queixos, mel, castañas… E deste modo os produtores puideran promocionar e explicar a súa produción.

Actualmente, este proxecto forma parte da ruta do “Ecomuseo Pan do Xurés”, co cal pode recibir ao redor de 4000 visitantes ao ano.

Contan con dous inmobles, un dedicado á exposición dos produtos locais xa citados e outro inmoble, un lagar que se recuperou e que conta con paneis informativos e explicativos da viticultura da zona, que sempre foi de consumo propio. Así poderase adquirir información sobre as variedades de uvas, os apeiros, a forma de traballo e sobre toda a cultura vitivinícola.

Para acceder a dita visita hai que avisar previamente para que se abran as instalacións. Nos meses de verán adoitan ter guías dende as 10 da mañá ata as 7 da tarde.

O presidente da Asociación conta que os veciños foron conscientes de que “a aldea estaba en estado de bastante abandono” e que por iso levan traballando 10 anos “para que non se olvide”. Deste xeito, faise unha recuperación patrimonial, tanto da cultura material e inmaterial e aproveitanse todos os recursos de carácter natural, do Xurés e cultural da zona e ponse en valor. Queren publicar un libro que recompile todo isto.

Imaxe Previa Execución

Imaxes Proxecto Executado

Centro de exposición de produtos locais

Logos financiamentos GDR