CITRAN – Creación dun espazo de salvagarda e divulgación do patrimonio asociado á tracción animal

Proxectos Non Produtivos – Entidades Privadas

Expediente: L17-19.20-10-0065
Promotor: Asociación Galega de Tracción Animal – A Molida
Concello do investimento: Lobios
Puntuación: 81
Orzamento Aceptado: 168.348,33 €
Porcentaxe axuda: 90%
Contía Axuda: 117.389,13 €

Axuda final en función do investimento xustificado: 103.801,63 €

Proxecto de creación do Centro de Interpretación da Tracción Animal (CITRAN) na Baixa Limia, mediante a construción dunha edificación tradicional e a compra de equipamento audiovisual, material didáctico e obxectos de exposición.

Esta proposta, que parte da Asociación Galega de Tracción Animal A Molida, tamén inclúe a construción dunha corte de 120 metros cadrados para os animais de traballo e un galpón de 100 metros cadrados como almacén.

A tracción animal desde unha perspectiva moderna

A tracción animal é unha práctica que caeu en desuso co paso dos anos en Galicia mais segue a ser unha ferramenta moi utilizada noutros territorios Europeos e moi interesante para o ámbito forestal, a viticultura ou a horta, coa que se busca a efectividade dos labores realizados pero tamén un baixo impacto.

Baixo a premisa de investigar, salvagardar e divulgar o patrimonio relativo á tracción animal, xorde a Asociación Galega de Tracción Animal – A Molida, constituída por técnicos e traballadores relacionados cos sectores agro-gandeiro e forestal, que pretenden promover, poñer en valor e divulgar novas formas de utilización da tracción animal, baixo unha perspectiva moderna e actual, incorporando e adaptando novos coñecementos.​

Na tracción animal moderna a premisa principal é o benestar dos animais e o estudo de cada caso concreto para saber as posibilidades de traballo de cada un dos cabalos e burros, cos que contan actualmente nas súas instalación.

As prácticas agronómicas que promoven son compatibles coa conservación da biodiversidade, a introdución do concepto de tracción animal moderna nunha estratexia lóxica de desenvolvemento rural  e o recoñecemento da tracción animal como parte integrante e importante da historia galega.

Desde 2017 esta asociación asentou a súa sede na Reserva da biosfera Gerês-Xurés, onde crearon o Centro de Interpretación da Tracción Animal (CITRAN), que pretenden converter nun espazo de referencia peninsular en temas de tracción animal. Ademais de ofrecer formación profesional sobre a tracción animal en diferentes campos, ofrecen actividade de forma continuada e xestionan o terreo que rodea o centro.

Imaxe Previa Execución

Imaxes Proxecto Executado

CITRAN

Logos financiamentos GDR