Comercial San Mauro – Compra de maquinaria para a mellora de servizos
Proxectos ProdutivosExpediente: L18-19.20-10-0073
Promotor: Dolores Araújo Martínez S.L.
Concello do investimento: Trasmirás
Puntuación: 72
Orzamento Aceptado: 14.000,00 €
Porcentaxe axuda: 50%
Contía Axuda: 7.000,00 €
INCIDENCIA NO EMPREGO
Nº de UTAS Totais a consolidar: 3,86
Proxecto de mellora de servizos mediante a inversión en maquinaria e equipos para a comercialización de produtos agrarios. A adquisición dun calibrador de bandas para Comercial San Mauro, permítelle levar a cabo unha selección dos produtos de forma máis sinxela e menos agresiva, o que acelera o proceso e permite ofrecer un mellor produto seleccionado, e por tanto, un mellor servizo aos clientes.
Produtos agrícolas das mellores mans
En 1998 abriu en Trasmirás un pequeno negocio de compravenda de produtos agrícolas, Comercial San Mauro. A súa finalidade principal é a de subministrar todo o necesario aos gandeiros e outros pequenos negocios do agro existentes na comarca da Limia.
Detrás de proxecto atópase Dolores, natural de Xinzo de Limia e residente en Sarreaus, que decidiu mercar un terreo e instalar o seu negocio no concello de Trasmirás; un punto estratéxico de gran produción agro-gandeira. Con ela traballa o seu fillo Pablo, a segunda xeración dun negocio que se consolida e cada día ten máis clientela.
Nai e fillo apostan polo produto de proximidade, por iso, recollen cereal e pataca a produtores da zona, que despois seleccionan, envasan, almacenan e venden asegurando a súa calidade. No seu almacén tamén se poden atopar gran variedade de pensos, abonos e fertilizantes; así como tamén ofrecen sementes, plantas ou froiteiras.
O bo servizo, o bo trato e a calidade dos produtos que ofrecen, fan que o negocio sexa cada día máis rendible e contribúen a asentar a agro-gandería na contorna.
Imaxes Proxecto Executado