Espazo cultural e arqueolóxico en Monte Grande II

Proxectos Non Produtivos – Entidades Privadas

Expediente: L19-19.20- 10-0136
Promotor: CMVMC Monte Grande II
Concello e Lugar: Bande
Puntuación: 81
Orzamento Aceptado: 29.700,00 €
Porcentaxe axuda: 90%
Contía Axuda: 26.730,00 €

A zona proposta para a creación do espazo cultural e arqueolóxico do Monte Grande, sitúase na Serra do Arnedo, tamén coñecida como Serra de Bande ou Monte Grande. É un monte cunha gran riqueza natural e patrimonial, que está encravado entre as bacías hidrográficas dos ríos Limia e Arnoia.

A área de actuación distribúese entre os 800 e os 1000 metros sobre o nivel do mar, comprendendo unha ampla franxa de territorio que está disposto entre as aldeas da parroquia de San Pedro de Bande.

Os restos arqueolóxicos están distribuídos por toda a extensión da Serra, con distribución de xacementos que abranguen un longo periodo de tempo, que vai dende a Prehistoria ata a Idade Media entre os que se poden distinguir necrópoles megalíticas, petróglifos e castros. As máis representativas serán integradas no parque arqueolóxico, concretamente as mámoas das Terras Brandas, as mámoas do Arando e a mámoa do Vieiro.

A área de información establecerase nunha parcela didáctica situada ao pé da estrada OU-540 e a menos de 2 km da vila de Bande. Dende este sitio interconectaranse todos os puntos de interese do parque arqueolóxico, dende o que se poderán establecer roteiros a pé, en bicicleta, a cabalo ou en todoterreo.

Os principais obxectivos que se queren acadar son:

  • Crear un espazo arqueolóxico ao ar libre con fins didácticos e interpretativos.
  • Crear un espazo artístico e informativo integrado na natureza.
  • Dinamizar a comarca a través da recuperación do patrimonio cultural, enfocada cara a mellora dunha zona rural con núcleos de poboación pequenos.
  • Incrementar o atractivo turístico dunha zona con gran valor natural.
  • Fomentar o valor educativos e científico do monte cunha xestión sustentable do mesmo e aumentado o seu valor de recreo.
  • Fomentar o emprego dos medios de tracción animal para usos forestais, incidindo na menor emisión de gases contaminantes á atmosfera.
  • Favorecer a biodiversidade recuperando as carballeiras do entorno das mámoas e eliminando os piñeiros de repoboación.

Rutas para descubrir os tesouros de Bande

Os comuneiros do Monte Grande II son propietarios dun monte de máis de mil hectáreas de superficie no cal proxectaron a creación dun parque cultural e arqueolóxico no que se podan coñecer as diferentes mámoas que alberga dito lugar.

Debido a que queren dar a coñecer o valor do entorno sen danalo, decidiron facer a retirada das árbores empregando a tracción animal, xa que a maquinaria pesada non respetaría da mesma maneira o entorno, xa que neste caso, non importa o tempo que se pase facéndoo, senón o resultado no que se coida o patrimonio.

Colocaron paneis informativos e unha área de información – que conta con esculturas de guerreiros galaicos – para facer a ruta moito máis asequible e de proveito para todos. Neste lugar, hai unha mámoa que serve como recurso didáctico de como eran estes túmulos, mais as outras do lugar quedan como están pero quitándolles a vexetación que as cobre.

A fusión perfecta de monte do lugar que permite coñecer o patrimonio histórico e arqueolóxico, polo que dende a asociación comunal fan labores de limpeza e de mantemento sempre que sexa necesario.

Imaxe Previa Execución

Imaxes Proxecto Executado

Parque arqueolóxico e cultural de Bande

Logos financiamentos GDR