Gasóleos Maceda – Creación dun centro de almacenamento e distribución de combustibles a domicilio
Proxectos Produtivos
Expediente: L17-19.20-10-0005
Promotor: Estación de Servizo Maceda S.L.
Concello do investimento: Maceda
Puntuación: 59
Orzamento Aceptado: 193.368,00 €
Porcentaxe axuda: 49,29%
Contía Axuda: 95.311,09 €*
INCIDENCIA NO EMPREGO
Nº de UTAS Consolidados: 2
Nº de UTAS Xerados: 1
Proxecto de compra dunha parcela e creación dun gasocentro na mesma, destinado ao almacenamento de combustibles derivados do petróleo e posterior distribución a domicilio.
A creación do gasocentro de Gasóleos Maceda supón a posta en marcha dun novo servizo na comarca de Allariz-Maceda, mediante o cal se subministra gasóleo a domicilio para calefacción, maquinaria agrícola e transporte, destinado a vivendas, granxas ou empresas.
O investimento do proxecto consistiu en compra da parcela, construción do gasocentro e custes xerais do proxecto, coma notarías, licenzas, etc.
Produto e servizo de calidade a domicilio
Lucas e Vítor son dous irmáns asentados en Maceda, que despois de vivir en diferentes lugares e de pasar por distintas experiencias profesionais, comezaron a traballar na empresa familiar, Gasóleos Maceda.
En 1992 os seus pais inauguraron unha estación de servizo na vila, que pretendía subministrar combustible aos vehículos do municipio. Desde o ano 2017, Gasóleos Maceda tamén conta cun servizo de distribución de gasóleo a domicilio, grazas á construción dun gasocentro. Este centro de almacenamento e distribución de combustible ofrece un servizo directo de gasóleo C para calefacción de vivendas; gasóleo B destinado a uso agrícola para granxas, tractores e maquinaria; e tamén gasóleo A para empresas con grandes flotas de vehículos nas súas instalacións.
A forma de consumo cambiou moito nos últimos anos e a demanda deste tipo de servizos é cada vez maior, de modo que o seu camión de distribución non só se despraza por Maceda, senón que o fai por toda a comarca e tamén por outras vilas próximas como Esgos, Montederramo ou Castro Caldelas.
A calidade do produto e do servizo son o principal éxito deste negocio familiar, que nunca deixou de innovar para poder ofrecer o mellor aos seus clientes. Por iso, nas súas instalacións contan cun sistema de microfiltrado para conseguir maior pureza e limpeza no gasóleo, o que implica un maior rendemento.