Grou Eco-@vanza: un proxecto para fixar poboación e beneficiar ao entorno

Proxectos Non Produtivos – Entidades Privadas

Expediente:  L21-19.20- 10-0265 
Promotor: Asociación de Veciños de Grou
Concello e Lugar: Silvares de Grou (Lobios)
Puntuación: 45
Orzamento Aceptado: 53.203,70 €
Porcentaxe axuda: 56,38%
Contía Axuda: 30.000€ (límite axuda do GDR10)

A Asociación de Veciños de Grou pretende con esta iniciativa crear un ‘espazo versátil e sostible que albergará un laboratorio de informática, coworking e biblioteca’ que lles permita acadar os obxectivos fundacionais da Asociación, entre os que destacan mellorar as condicións de vida e promover o desenvolvemento social e económico dos habitantes da Parroquia de Grou.

Hoxe en día é moi importante o manexo das novas tecnoloxías polos diversos sectores da poboación, especialmente os colectivos máis vulnerables, feito que se acentuou coa chegada da pandemia. Dispoñer destes espazos nun lugar coma Grou ofrece un amplo abanico de posibilidades de cara a unha maior autonomía, enriquecemento persoal, e desempeño de funcións que ata agora non se abordaban por falta de formación e medios.

A posibilidade de dispoñer dun espazo versátil, sostible e saudable nun entorno natural, conectado a banda ancha, con fontes de enerxía de orixe renovable e todos os servizos necesarios, amais de optimizar recursos, será a clave para, da man da responsabilidade social, económica e ambiental, sentar a base do desenvolvemento económico que abrirá unha oportunidade mediante o soporte coworking que se formla para teletraballar ou teleformarse. Nesta iniciativa estarán todos os colectivos da comunidade: persoas en risco de exclusión social, nenos e adolescentes, mulleres e público en xeral.

Este proxecto levarase a cabo nunha edificación tradicional catalogada, nun estado de conservación malo e que foi cedida pola Diócesis de Ourense para uso comunitario e por un periodo de 15 anos.

Aumento das posibilidades para as persoas de Grou

En Grou, a idea de crear este espazo que sirva como aula de informática, coworking e biblioteca sentou moi ben. Esta idea xurdiu porque na parroquia aínda hai moita xente nova e amplíaselle a posibilidade de formarse, e esta opción tamén a ten a xente máis maior porque aprenderán a usar un ordenador e relacionarse coas novas tecnoloxías. Deste xeito, as persoas aumentarán os seus coñecementos, pero tamén se crea un espazo onde estar fóra das casas e crear unidade entre todos.

Susana Fernández, a presidenta da Asociación de Veciños de Grou, explica que moita xente prefire formarse nun lugar que non sexa a casa, “porque é outro entorno e céntraste no que estás facendo”. Tal é este compromiso que a Asociación ten un convenio coa UNED (Universidade a Distancia Española) que apoia a iniciativa por promover un lugar de estudo con conexión de alta calidade á rede para poder cursar ensinanzas desta universidade e tamén, as persoas maiores terán acceso á UNED Sénior, promovendo o envellecemento activo da poboación rural galega.

As persoas de máis de 50 anos terán a opción de adquirir formación sobre nocións básicas, como pode ser a relación actual coa Administración Pública, xa que “dende a pandemia se volveu máis dixital e non todo o mundo é capaz de pedir un certificado oficial deste xeito”, sinala a presidenta. Amais, a Asociación serve de intermediaria en moitas ocasións para facer escritos ou peticións dos veciños que non saben como se fan.

A Asociación quere fixar a poboación no rural, abrirlles o abano de posibilidades. “Son ferramentas para todos, para que todo o mundo saia da casa. Apúntaste nun curso e a veciña seguro que tamén quere”, sinala Susana. É unha forma de ir creando vínculos e de dinamizar a parroquia, logrando que a xente nova se quede porque lles están ofrecendo diversas opcións. A Asociación tamén solicita axudas para mellorar a paisaxe e o seu entorno.

Esta iniciativa é apoiada pola Asociación Galega de Tracción Animal, Mira Xurés, Lirios do Xurés, a Asociación CI ‘Val do Esquecemento’, a Asociación de Empresarios de Lobios e a Asociación Cultural ‘Mulleres Rurais e Consumidoras San Mamede de Grou’.

Nun medio rural cada día máis illado e envellecido, pero sometido ás dependencias das tecnoloxías, a iniciativa do AAVV de Grou logra ser un camiño cara o progreso e o asentamento do medio rural.

Imaxe Previa Execución

Laboratorio de informática, coworking e biblioteca de Grou

Logos financiamentos GDR