Obradoiro artesán RIR&CO – Rehabilitación dunha edificación para instalar un taller de artesanía
Proxectos Produtivos

Expediente: L17-19.20-10-0001
Promotor: Inés Rodríguez Rodríguez
Concello do investimento: Allariz
Puntuación: 56
Orzamento aceptado: 54.542,3 €
Porcentaxe axuda: 47,14%
Contía axuda: 22.659,30 €*
Importe xustificado: 36.872,465 €
Axuda final en función do investimento realizado: 18.479,69 €
Proxecto de Rehabilitación dunha edificación no casco vello de Allariz para ampliar a actividade do taller de tecido artesán RIR&CO, obradoiro co número 819 dentro da marca Artesanía de Galicia.
O taller de RIR&CO atopábase nun pequeno estudo na aldea en San Mamede de Urrós, onde se realizaban tecidos artesáns nun tear manual tradicional. Tras o proxecto de rehabilitación, ampliouse a actividade deste obradoiro e na actualidade non só se levan a cabo colaboracións con profesionais de diferentes sectores e se confeccionan pezas propias, senón que tamén se desenvolven labores de venda de artesanía e produtos de proximidade.
Artesanía actual inspirada no pasado e a tradición
Artesanía e innovación van da man neste proxecto, que xorde cando Inés decide habilitar un pequeno espazo ao carón da súa casa no que instalar un taller de tecidos artesanais. Nos seus comezos confeccionaba tecidos para profesionais de diferentes sectores e experimentaba coa estampación e a utilización de novos tecidos.
No ano 2017, Inés decide rehabilitar unha vivenda no centro de Allariz, onde establecer o seu obradoiro. O pasado téxtil da vila e a súa contorna é a mellor compañía para esta artesá, que en cada traballo que fai busca o respecto polo medio, a tradición e a sustentabilidade.
Actualmente, no novo taller de RIR&CO, podemos atopar un espazo de venda de diferentes produtos locais, de artesanía e de calidade, pero tamén o tear tradicional co que Inés crea as súas propias pezas, mesturando diversas técnicas e investigando sobre diferentes materiais.
A súa creatividade e bo facer, levárona a conseguir diferentes premios e recoñecementos internacionais, sempre inspirada polo pasado e a tradición.