Posta en valor do ciclo do pan do Xurés con ferramentas tecnolóxicas
Proxectos Non Produtivos – Entidades Privadas

Expediente: L19-19.20- 10-0179
Promotor: Asociación de Veciños de Puxedo
Concello e Lugar: Concello de Lobios, Puxedo
Puntuación: 67
Orzamento Aceptado: 83.307,48 €
Porcentaxe axuda: 78,18%
Contía Axuda: 30.000,00 € limitación por EDLP (50%)
O proxecto pretende recuperar e poñer en valor o ciclo tradicional do pan do Xurés mediante a creación dun ecomuseo do pan e o emprego das nvoas tecnoloxías para a súa interpretación. O concepto de ecomuseo non ten nada que ver co museo tradicional no que se custodian e expoñen distintos elementos con valor cultural, senón que se trata dun centro museístico ao aire libre no que interactúan os elementos do patrimonio cultural, o territorio no que se asentan e a poboación local.
Ubicado a 700 metros, nunha das ladeiras dos montes do Xurés, Puxedo é unha aldea que tivo ata mediados do século XX como actividade principal o cultivo de cereal (centeo e millo) para a elaboración do pan. Boa mostra diso é a abundancia de patrimonio etnográfico asociado a este proceso: 4 eiras de mallar enlousadas, 28 hórreos de pedra, 10 muíños de aga no curso do río Mao e un forno de pan comunitario. Todo este patrimonio foi rehabilitado na última década pola Asociación de Veciños de Puxedo e os veciños, mais considérase que é preciso poñelo en valor mediante a creación dun ecomuseo do pan do Xurés.
Este constará dun centro interpretativo que se ubicará nunha antiga palleira ao carón da Eira do Toco, que se empregaba para almacenar o colmo. Esta palleira, actualmente en estado de ruina, será rehabilitada empregando materiais típicos da arquitectura tradicional do Xurés: pedra granítica, madeira e teito de colmo e suministro enerxético mediante enerxías renovables. Unha vez rehabilitada, instalaranse no seu interiorpaneis interpretativos sobre as fases do ciclo do pan (seitura, malla, moenda e fornada) e unha exposición dos apeiros empregados no Xurés para estas tarefas, cun vídeo explicativo dos veciños do lugar, sendo protagonistas das mesmas.
Xunto ao centro interpretativo crearase un itinerario interpretativo de todo o patrimonio etnográfico da aldea e do seu entorno relacionado co ciclo do pan mediante o emprego de elementos multimedia accesibles para todas as persoas, sinalización de códigos e creación dunha páxina web accesible dende dispositivos móbiles en tres idiomas.
Puxedo, exemplo de recuperación patrimonial
Os veciños de Puxedo e máis a súa Asociación levan unha década rehabilitando e restaurando o seu entorno etnográfico arredor do pan do Xurés: hórreos, eiras de mallar, muíños de auga e o forno de pan comunitario. No ano 2019, decidiron que era momento de poñer en valor todo o que levaban facendo e por iso decidiron crear o ecomuseo ao aire libre.
Este ecomuseo conta cun centro de interpretación con paneis informativos e proxeccións e logo a ruta interpretativa por toda a aldea. Está sinalizado con paneis e con códigos QR para unha aplicación onde se adquire toda a información para facela de maneira autoguiada. Todos estes elementos axudan a que os visitantes entendan o que ven.
Pablo, presidente da Asociación de Veciños, sinala que é difícil contabilizar os visitantes porque non é un recinto pechado, pero durante todo o ano chegan a ter arredor de 4000 turistas, aínda que se acumulan principalmente nos meses de verán. Por exemplo, no mes de agosto de 2021, chegaron a ter uns 2000.
Puxedo é mostra do bo facer para poñer en valor o patrimonio, tanto material coma inmaterial. Pablo indica que o que buscaron foi a “recuperación integral de toda a aldea”, xa que fronte a un museo tradicional, en Puxedo lograron vincular “o entorno, o Xurés, os seus habitantes e o patrimonio inmaterial e material”, xa que os veciños tamén lles contan e explican aos visitantes o ciclo do pan e fan tamén unha recreación deste proceso pasando por todas as fases.
Unha vez se chega a Puxedo, a ruta comeza na Praza. Hai boa sinalización sobre como chegar á aldea máis de como seguir a ruta para coñecer a historia do pan do Xurés.

Imaxe Previa Execución
Imaxes Proxecto Executado