A vicepresidenta – e alcaldesa de Allariz- e persoal técnico do GDR10 Limia-Arnoia están esta semana en Praga para asistir á Feira Internacional de Turismo, no marco do proxecto de colaboración interterritorial “Museos Vivos” .
Este proxecto “Museos Vivos” está financiado con fondos FEADER na convocatoria realizada pola AGADER (Consellería do Medio Rural). Nel participan Grupos de Desenvolvemento Rural de todo o Estado Español, entre eles 3 de Galicia: GDR Ribeira Sacra Lucense, o GDR ASDECOMOR da comarca de Ordes, e GDR Limia-Arnoia de Ourense.
O seu obxectivo é promocionar a rede museística propia destes territorios e dotar certos museos de dispositivos electrónicos de apertura e visita guiada de xeito automatizado, con cita previa (máis info en www.museosvivos.com).
O proxecto está en execución no presente ano 2022, e no caso concreto da nosa comarca, permitirá a implantación deste dispositivo no Forno da Santa (Santa Mariña de Augasantas) de Allariz.
A Feira Internacional de Turismo HOLIDAY WORLD & REGION WORLD – que se celebra os días 18 e 19 de marzo – é o evento máis importante deste tipo non só na República Checa, senón tamén na rexión de Europa Central.
A feira conta con sedes turísticas nacionais de países europeos tradicionais, así como destinos afastados como América, Asia ou África.
As rexións e comarcas participantes na feira expoñen as xoias museísticas en todo o seu esplendor, así como o emprego de novas tecnoloxías. Alí presentarase un video promocional, que posteriormete será exposto nos distintos territorios.