Inés Rodríguez é a muller emprendedora que se atopa detrás de Rir & Co, un proxecto que naceu no ano 2015 con axuda do GDR Limia Arnoia e que vén de gañar o premio á Innovación Tecnolóxica na 13a edición dos Premios ao Desenvolvemento Rural.

Rir & Co é un proxecto que naceu do amor polo arte que ten Inés, en todas as súas opcións: debuxo, deseño, artesanía, pintura… Por iso decidiu crear o seu propio taller. Ela traballa dende o rural ourensán, concretamente dende Allariz. Dende esa pequena zona rural traballa para todo o mundo facendo tecidos artesanais actuais inspirados no pasado e na tradición que servirán para outros creadores ou serán pezas xa rematadas para o seu uso.

Ela mestura a cor, a natureza, técnicas de trenzado e tecido, bordado, ilustración, materiais naturais… Optimiza os recursos para lograr a sostibilidade en cada proxecto.

“Co” vén porque para ela é moi importante a colaboración, lograr proxectar as súas ideas e mesturalas coas dos demais, para, sobre todo, seguir aprendendo.

Marca Artesanía de Galicia

Rir & Co conta co selo de Artesanía de Galicia que outorga unha imaxe representativa dos produtores artesanais galegos e que aporta prestixio e sinal de identidade propia, ao igual que garante a calidade dos produtos.

Inés elabora os seus tecidos manualmente, sendo polo tanto, pezas todas únicas e personalizadas. O tear manual e o coñecemento de diferentes técnicas artesanais dálle a posibilidade de realizar infinidade de deseños téxtiles, tecidos naturais e sostibles… mesturando técnicas.

Todo isto require moita dedicación, constancia e concentración. Razóns máis suficientes para facerlle ganar o premio á Innovación Tecnoloxía da Consellería de Medio Rural.

Premios Desenvolvemento Rural

Este tipo de galardóns axudan a darlle valor ás propostas novas que xorden nos núcleos rurais para reflexar un signo de verdadeiro desenvolvemento rural na comunidade. Nesta ocasión, presentáronse 60 propostas nas diferentes categorías.

Logos financiamentos GDR