Un grupo de 20 expertos de toda Europa pertencentes ao Grupo Focal “Recuperación de terras agrarias abandonadas”, da Rede Europea da PAC (EU CAP Network) achegouse esta mañá ata a provincia de Ourense para coñecer os proxectos do Ecoespazo O Rexo, a gandeiría de leite Ecoleia, ambos en Allariz, e a aldea modelo de O Penedo, en Boborás. A visita estivo organizada coa colaboración do GDR Limia-Arnoia.
Durante este primeiro semestre do 2023, este grupo de vinte expertos de toda Europa traballarán na identificación e na análise de iniciativas que reduzan o abandono de terras agrarias, así como para recuperar aquelas xa abandonadas. Ao longo destes primeiros seis meses do ano, abordarán os principais retos e oportunidades e as diferentes dimensións deste tipo de procesos: técnica e produtiva, social e institucional, ambiental e económica.

Precisamente o GRD Limia-Arnoia puxo en marcha a finais de decembro do 2022 unha ambiciosa iniciativa denominada Aterra e que ten como obxectivo o impulso de novos proxectos agrogandeiros en todo o territorio de actuación do Grupo de Desenvolvemento Local.